Traballos de investigación e estudio
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
3. O POEMA 3.1. ESTRUTURA ARGUMENTAL O modelo que imita a canción parece ser a Égloga IV de Virxilio, de tema político, dedicada ao nacemento do fillo do cónsul Asinio Polión, a quen se profetiza un rexemento de paz, nunha nova idade dourada. Fronte ao estilo humilde da poesía pastoril, Virxilio eleva o ton para adecualo á transcendencia do tema, xa que «el campo no es de todos recibido»11. A primeira estanza da nosa canción é unha invocación á «Musa Galega» para que, con ocasión dun caso milagroso que se ofrece, abandone o «burel cuitado e feo» con que ata agora se vestiu e entre a compartir a fama e o Parnaso coas outras nove musas. A segunda estrofa continúa esta invocación á musa, á que pide que, a pesar do previsible pouco aprecio que vai ter na cidade, erga a súa voz e faga que resoen «froitas, árbores e viñas o sangre escrarecido das Mariñas». No v.8 desta estanza menciona o río Mandeo, que rega as Mariñas, soar orixinario do apelido de don Diego. Estas dúas estanzas teñen un claro eco virxiliano. A invocación á «Musa Galega» correspóndese coas «Sicelides Musae», as musas sicilianas, que se remontan a Teócrito e inspiran a poesía pastoril, de ambiente campestre: «Sicelides Musae, paulo maiora canamus» (Ecloga IV, 1; «Un poco más alcemos nuestro canto / Musa...», Cuevas 2001: 219). O pouco agrado con que a canción galega vai ser recibida fóra do ámbito campestre e a insistencia en elevar o ton son dous motivos tamén coincidentes, que o poeta latino reflicte en dous versos: «Non omnis arbusta iuvant humilesque myricae; / canimus silvas, silvae sint consule dignae» (Ecloga IV, 23; «El campo no es de todos recebido, / y si cantamos campo, el campo sea / que merezca del Cónsul ser oído», Cuevas 2001: 219). Os versos 910 aluden á 'novidade' ou 'noticia' que constitúen estes versos ?noua, albrizas ou primizas?. Lidos á luz dos versos de Virxilio, anuncian o inicio dunha nova idade, compartindo co latino o topos do retorno da Idade Dourada: «iam redit et Virgo, redeunt Saturnia regna; / iam nova progenies caelo demittur alto» (Ecloga IV, 67; «y la doncella virgen ya es llegada, / y torna el reino de Saturno y Rea. / Los siglos tornan de la edad dorada», Cuevas 2001: 219220). Este eco virxiliano presentounos unha seria dúbida na lectura do verso 9, con dúas opcións igualmente válidas desde o punto de vista lingüístico: sen pleno convencemento, baseándonos en razóns entoacionais e rítmicas, mantemos na nosa edición «e en pago de tal noua e tas albrizas / recebe do teu verso estas primizas», interpretando nouas como substantivo e tas como plural do identificador tal, aínda que non descartamos totalmente a moi suxestiva lectura nova etas (i.e. 'aetas'), «e en pago de tal noua etas, ¡albrizas!, / recebe...». A estanza terceira alude a un galego que por ese tempo cantou as profecías que esperan ao «barón santo» de Sevilla, a quen se atribúe unha media galeguidade, un trazo do que se serve o noso poeta para gabar a íntegra galeguidade de don Diego, que «por todas as partes» é galego, e por tanto o máis xusto destinatario dunha canción galega. É moi
257 Nº 364