Traballos de investigación e estudio
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
As estanzas VI e VII recollen os feitos de armas de don Diego. Menciónase o recoñecemento de Felipe II, que valorando a súa prudencia e cordura o escolleu para pacificar o reino de Aragón, ao lado e como conselleiro de Vargas. A ocupación de Zaragoza a fins do 1591 é un episodio ben coñecido da España de Felipe II (véxase, p. ex., Almirante 1923: II, 420), e Alonso de Vargas foi o encargado de dirixir esta operación militar. A estanza VIII incide no tópico da inmortalidade da fama: «de siglo en siglo, por millós de anos, / dure a vosa memoria entre os humanos» (vv. 7980). As estanzas IX e X parten do lamento polos danos sufridos pola cidade da Coruña a mans do herexe, en alusión directa á destrución causada polo ataque de Francis Drake, coa profecía de que en breve tempo por obra de don Diego será reconstruída e completamente fortificada. A derradeira estrofa contén a petición de que, aínda que don Diego alcance merecidas honras máis altas ?como o goberno de Flandres, que por eses anos é a culminación do cursus honorum de home de corte?, honre a súa patria e axude a evitar a guerra. Nos últimos versos o poeta, usando unha frase formularia, desexa a don Diego que se logre ben coa súa esposa, «honrada, principal e tan fermosa» (v.110), arela que non se cumpriría ao morrer don Diego sen descendencia, pois na época non había outro logro matrimonial que non fose este. 3.2. MÉTRICA O poema está composto por once estanzas, forma estrófica que alcanzou o seu apoxeo nos séculos de ouro en cancións, églogas e comedias, de xeito que só en Lope de Vega poden rexistrarse polo menos 13 tipos distintos de estanzas. Por regra xeral, combinan versos de arte maior e arte menor:
Se cultivaron igualmente las variedades extensas y graves, recargadas de endecasílabos, y las combinaciones breves y ligeras, más inclinadas a aumentar la intervención de los versos de siete sílabas (Navarro Tomás 1991: 253254).
En canto ao número de versos que poden concorrer nunha estanza, o preceptista Francisco Cascales (1975: 240) considera que «la menor estancia no lleva ni puede llevar menos de nueve versos, y la mayor veynte y quatro»; a rima é fixada libremente polo poeta. O noso autor emprega estrofas de dez versos, en dúas combinacións métricas de heptasílabos e hendecasílabos, case idénticas, que se sucede nunha sorte de alternancia: (a) 7a11b7a11b11c11c11d7d11e11e (estanzas I, III, V, VIII, X); (b) 7a11b7a11b11c11c7d11d11e11e (estanzas II, IV, VI, VII, IX, XI). O conxunto de once estanzas que integra a nosa composición obedece á denominación que o propio autor lle dá, é dicir, constitúe unha canción. O mencionado preceptista define así esta forma poética:
259
Nº 364