BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudio
posible que ese varón santo sexa Rodrigo de Castro, cardealarcebispo de Sevilla, que nesas datas viaxou a Galicia para fundar o colexio da Compañía de Monforte e gañar o xubileu, cunha visita anunciada á Coruña, circunstancia pola que o concello da cidade acorda organizar festas12; ora ben, esta identificación ofrece dúas dificultades: en primeiro lugar, parece excesiva a cualificación 'varón santo', e, en segundo lugar, pese ao seu nacemento en Valladolid, a súa plena natureza galega é incontestable. A primeira obxección pode resolverse, tendo en conta que o panexírico ben pode aceptar a hipérbole; da outra parte, a media galeguidade, máis que facer de menos a don Rodrigo, que sempre manifestou ser oriundo do reino de Galicia, pretende, como xa sinalamos, enxalzar a máis cabal de Diego das Mariñas13. O ambiente sevillano da época era propicio para composicións semellantes á aludida na nosa canción. Dámaso Alonso (1972) estuda un manuscrito de xustas literarias en honra de santos de Sevilla escrito entre os anos 1593 e 1600 e recorre sucintamente a tradición sevillana deste xénero, remontándose ata 1531. Este manuscrito [Biblioteca del CSIC, R.M. 3879], con todas as composicións do certame e outras de distinta procedencia, debuxa un marco no que puido perfectamente xurdir un panexírico do cardeal, auspiciador ademais de múltiples festas en honra de santos. As virtudes de don Rodrigo e mais o seu peso na corte e no estamento eclesiástico eran o bastante recoñecidos como para ser cantados por calquera rimador; así, o cronista de Sevilla, Diego Ortiz de Zúñiga (1677: 581), no ano 1593 dos seus Annales anota:
...y era el Arçobispo por estos tiempos grandemente amado y reverenciado de sus subditos, por sus excelentes obras en el gobierno y en el socorro de los pobres.
As dúas estanzas seguintes, a IV e a V, son unha exaltación da liñaxe dos Parga e dos Mariñas. O máximo aprecio que del se ten nos reinos de Castela, onde «os da uosa linage son primeiros» (v.40), contrasta cunha consideración máis discreta en Galicia. No momento en que se escribe o poema, Gómez Pérez das Mariñas, xunto co seu primo don Diego, é talvez o membro máis representativo da familia dos Mariñas, pois tras ser elixido para correxedor de Logroño e Calahorra e honrado co hábito de Santiago, foi encomendado por Felipe II en 1589 para desempeñar o cargo de Gobernador e Capitán Xeral de Filipinas (Vaamonde Lores 1917: 206). En Galicia, en cambio, a presenza desta casa era pouco notoria fronte ó papel desempeñado en épocas anteriores; así, deixando á marxe ó máis coñecido Gómez Perez das Mariñas, que na batalla de Altamira derrotou ó arcebispo Fonseca, convén salientar a Fernán Pérez Parragués, primeiro dos Parga en entroncar cos Mariñas, que participou en tódalas loitas civís do seu tempo, «dando siempre muestras de extraordinario valor, especialmente cuando prendió al famoso Alonso de Lanzós, hecho por el que fué espléndidamente recompensado por los Señores de Andrade» (Vaamonde Lores 1917: 143). Da gabanza da liñaxe descende ao dedicatario, que, saído de tal planta e curtido en tantas guerras, trae a paz á súa terra.
Nº 364 258