BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
tencia; o recurso aos sentimentos máis elementais (a tenrura, o amor, a amizade, a piedade) como derradeira salvagarda perante a inxustiza. O libro A pega rabilonga e outras historias de tesouros, de 1971, sitúanos a XMAB no ronsel da corrente narrativa do realismo máxico. Hai, para comezar, un desprazamento espazotemporal con respecto aos relatos que vimos de comentar. Unha Galicia máis esencialista e antiga que se resucita sobre o fondo de pazos e personaxes fidalgas e campesiñas ao tempo que se abandona a contemporaneidade para situármonos en coordenadas lixeiramente anteriores, mesmo pertencentes a un pasado tampouco excesivamente remoto. Ademais aparece a maxia, a quebra das relacións causaefecto e a aparición de acontecementos misteriosos e enigmáticos. O entorno circundante vilego e industrial ficou afastado, así como o pesimismo existencial, e agora o discurso alterna entre a narración infantil (inxenua, simbólica, arquetípica, mesmo con certa inclinación cara á transposición do discurso oral) e o discurso máis culto, entre o que cabe, se acaso, percibir unha lixeirísima presenza ao fondo de Valle Inclán. Pasamos do cronotopo da cidade actual ao cronotopo do mundo rural precedente. O que certamente nos sitúa nunha época en que as circunstancias económicas e de supervivencia eran ben diferentes das actuais. Algo asoma nestes relatos envellecidos pola súa ubicación temporal, aínda que estean escritos na década dos sesenta e/ou dos setenta, que reverbera nostalxia de tempos idos, nunha crítica non manifesta da sociedade desde a que se escribe. Deberiamos entender, por tanto, a evolución da narrativa de XMAB como unha evolución que vai desde o modelo vangardista presente en Os Ruíns ao modelo máis conservador, presente en A Pega rabilonga e outras historias de tesouros. As consideracións que imos facer a seguir permitirannos comprender mellor estas afirmacións. A concepción da nosa literatura nacional ao longo da tradición contemporánea móvese, desde ese momento, entre tres grandes modelos: ? A literatura como conxunto de textos que seguen un determinado modelo imaxinario. O que chamariamos criterio temático. ? A literatura como conxunto de textos escritos nunha determinada lingua. O que chamariamos criterio filolóxico. ? A literatura como conxunto de textos que, queiran ou non, son promovidos e lidos en base ao interese nacional ou, o que vén ser o mesmo, institucionalizados de xeito autóctono. O que denominariamos criterio sistémico. E velaí que xorde unha afirmación que tamén debemos salientar e situar como a terceira das nosas conxecturas de partida. Trátase da afirmación de Pascale Casanova (2001) segundo a que: ?o capital simbólico literario se amorea de xeito nacional?8. Esta conclusión da Escola de Bourdieu resulta fundamental para a análise de literaturas como a galega toda vez que permiten dirixir a ollada fóra dos obxectos de debate tradicional.
Nº 369 120