BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
non cabe pensar que este conto poida ser vinculado con outra tradición que a propiamente contemporánea. As complexas relacións entre as causas e os efectos están sempre rexidas, semella dicirnos o mozo escritor, polo aleatorio. Non existe posibilidade de sabermos o que acontecerá, porque dentro da lóxica do posible introducirase unha e outra vez o erro e, daquela, o noso deseño de racionalidade e de perfección virarase ilóxico e obsoleto. Esta mudanza do destino, que modifica por completo a situación dos personaxes, non é unha crítica ao racionalismo senón á súa deturpación no mecanicismo, ao tempo que establece conexións con outro dos temas caros á literatura contemporánea: a humildade, necesaria para o home moderno, fronte aos avances tecnolóxicos e mecánicos. A sátira absurda, situada na liña da literatura expresionista e do mellor Kafka, conecta o relato coa liña de Vicente Risco en O Porco de Pé, aínda que empregando recursos ben diferentes desde o punto de vista formal. Aquí non é a linguaxe a que crea unha sensación de realidade desoladora, en claro xogo alegórico coa crítica da burguesía que se quere levar a cabo, senón que son os acontecementos e ás reaccións dos personaxes perante eses acontecementos os que achegan trazos de percorrido onírico, de pesadelo a un tempo liberador e opresivo. Os temas da falsidade e da aparencia concéntranse no cerne do relato, convertendo o conxunto do libro nunha disquisición sobre a verdade, en tanto que forma da linguaxe, e a falsidade en tanto que desaxuste entre a linguaxe e o real. Hai cousas que parecen e non son e outras que son e que non parecen. O orixinal de Os Ruíns (obra que deberiamos reivindicar como un dos grandes textos narrativos do Período Nós) reside, desde logo, na súa singularidade temática e conceptual no contexto en que foi publicado. E, desde logo, demostra o que podería ter sido a tradición literaria galega de se poder desenvolver libremente fóra das circunstancias tráxicas que a imposibilitaron. Hai algo aquí que apunta ao que será, a partir de finais da década dos cincuenta a Nova Narrativa Galega. Algo que anticipa os relatos de Mourullo ou de Camilo González SuárezLlanos ou de Xosé Luís Méndez Ferrín. Algo que conecta co antisentimentalismo e o antirruralismo defendidos por María Xosé Queizán, apostando claramente por unha literatura moderna, desprendida dos seus tópicos seculares, amante da tradición, mais disposta cunha man tendida perante os novos recursos da narratividade (os xogos enunciativos e temáticos; a incorporación da temática do azar e do absurdo na sucesión dos acontecementos?), ben lonxe da narración decimonónica e en sintonía coas novidades que fermentaban e xa estralaban en toda a literatura europea. Se amplificamos o cadro semiótico anterior, incluíndo nel as principais correntes perceptibles na narrativa galega de posguerra, entendendo por tal o período histórico que vai desde mediados da década dos cincuenta a finais da década dos sesenta, daquela comezaremos a encontrarlle un maior sentido a todo o que estamos a explicar. Concibiriamos, por tanto, o Realismo Máxico como un movemento moi vinculado ás posicións enxebristas, tal e como podemos encontralo, por exemplo, na obra de Ánxel
Nº 369 118