Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
(sempre en clave eurocéntrica) dunha serie de movementos: clasicismo, barroco, neoclasicismo, romantismo, realismo, simbolismo, vangardas, etc. Como os restantes membros da súa quinta (Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Francisco Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro?) XMAB, nado en 1915, roldaba os vinte anos cando comeza a redacción do seu primeiro libro de relatos, Os ruíns (publicado fugazmente en 1936, aínda que no derradeiro número da Revista Nós, secuestrado polos golpistas), sen dúbida imbuído do influxo maxistral da Xeración Nós e dalgunhas das súas consignas. Eran estas a construción definitiva dunha tradición literaria galega culta que sen esquecer os fundamentos tradicionais presentes na narrativa oral camiñase á procura da necesaria modernización e posta ao día da nosa literatura. É o momento en que moi paseniñamente se poñen en marcha os mecanismos que conducirán a resolver as contraposicións semánticas entre a modernidade e a tradición (no plano temporal) e o autóctono e o alleo (no plano espacial). Desa época xorde un heroe literario que, aínda agora, segue a alumearnos: Adrián Solovio, o home moderno e tradicional a un tempo; autóctono e alleo, por igual. Este personaxe da novela de Otero Pedrayo Arredor de si encarna, como ningún outro, o esforzo por construír unha cultura galega fóra da súa evidente subalternidade. O exemplo dos escritores e das súas ficcións servirá como modelo ideolóxico a seguir por todas as xeracións posteriores. O escritor resulta ser nesta época, acaso máis que en ningunha outra, un heroe, alguén que asume o manexo da pena para escribir da mesma maneira que un soldado o faría do fusil para defender unha posición estratéxica. Trátase dunha escrita ao servizo dun ideal, un modelo de ficción literaria que prende na conciencia das persoas polas súas resonancias máis graves, pola súa mensaxe non só estética, senón tamén ética. A universalidade da galeguidade fica resolta para sempre. A disolución dese dobre conflito estaba xa no programa da xeración que, moi nova, comeza a dispor as súas primeiras achegas literarias nos prelos da esforzada industria cultural galega do momento. Non é de estrañar, por tanto, que os mozos inmediatamente superiores en idade a XMAB, como Rafael Dieste ou Manuel Antonio, ideasen obras literarias que, en actitude, representaban xa a culminación dese esforzo. E estou a falar de Dos arquivos do trasno e de De catro a catro. Esta posición será o punto de partida de XMAB e da súa obra narrativa. Certa concepción surrealista do humor, un cronotopo de cidade, a presenza de personaxes (o estudante, o erudito, o obreiro revolucionario, a policía) afastados do modelo social do Antigo Réxime, a historia construída sobre un modelo de memoria urbana e non de tradición popular (a destrución da ponte do ferrocarril no relato ?O anarquista?), son algúns dos trazos que poden servirnos como cartón de visita. E resultan, en conxunto, unha declaración de intencións. Ademais, o emprego dun xogo alegórico a través do cal a historia que se nos relata ben puidera ser entendida doutro xeito, máis abstracto, sen dúbida. Se o relato moderno é aquel que, contando unha cousa, di tamén outra, na teoría de Ricardo Piglia, daquela
117 Nº 369