Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Tentaremos explicitar, por tanto, as condicións ideolóxicas en que esas obras e eses movementos foron posibles, procurando ademais resolver as incógnitas derivadas das transicións, das crises, das mudanzas que empurran o fluír da tradición nun determinado momento, establecendo abanos de multiplicidade temático estilística, como é o caso da novela do Período Nós, fronte a outros momentos en que esa multiplicidade se nos revela máis escasa, tal e como acontece, de feito, no Realismo Máxico. Chegados a este punto convirá explicitar as condicións en que a obra de XMAB emerxe, no seu inicio, dentro do discurso contemporáneo dos autores que forman o Período Nós, e, finalmente, entre aqueloutros que practican a estética do Realismo Máxico. Convén daquela que desvelemos a que será a nosa segunda conxectura: toda a literatura galega anterior, cando menos, a 1975 emerxe como resultado dunha dobre tensión, aquela que polariza os conceptos de tradición e a modernidade, por unha banda, e aqueloutra que leva a cabo a oposición entre o autóctono e o alleo, por outra. Mentres a primeira é unha polarización de índole temporal, a segunda contrapón conceptos espaciais. O escritor galego anterior a 1975 debátese entre ser fiel a unha idea de tradición (en parte temática, en parte estilística) en contraposición á radical modernidade que non sempre entende como propicia para a literatura do país. Ao mesmo tempo, a defensa da lingua encontra a súa analoxía na defensa de todo canto é propio de Galicia, encontrándose deste xeito no autoctonismo un certo rexeitamento (de maior ou menor intensidade; unhas veces, explícito, outras, implícito) do alleo. Non quere isto dicir que este tipo de polarizacións non teñan un rango universal e que, por tanto, non poidan ser aplicadas a calquera literatura en calquera lugar e en calquera tempo, mais o certo é que, nese momento, a súa pertinencia emerxe enmarcada de xeito especial. O cadro semiótico5 resultante permite a construción de catro vectores fundamentais: o que relaciona o tradicional e o autóctono, o que vincula o moderno e o alleo. Ser tradicional e autóctono era o afán dos enxebristas; ser moderno e alleo, a vontade dos vangardistas. Ambas as dúas posturas radicais estaban amortecidas polo que denominamos posicións conciliadoras, aquelas que tentaban axuntar, por unha banda, o moderno e o autóctono e, por outra, o tradicional e o alleo. Por poñermos un único exemplo, na literatura galega anterior á Guerra Civil encontramos tanto unha posición vangardista, como a presente na obra de Manuel Antonio, fronte a unha posición enxebrista, como a presente, por exemplo, en Leiras Pulpeiro ou no primeiro Noriega Varela. Porén, tanto o neotrobadorismo como o imaxinismo ou hilozoísmo representan posicións conciliadoras en que, mentres, por unha banda, se apela ao autóctono (medieval, nun caso, e popular, noutro), por outro, apélase ao moderno (na construción das imaxes e na presenza dun certo surrealismo implícito). Se nos detemos na novela do Período Nós, encontramos textos como O Porco de Pé, que apostan directamente pola estética de vangarda a textos como os relatos oterianos, escollamos, por exemplo, ?Medicina Legal?, en que hai unha opción clara en favor do enxebrismo, mentres que en Arredor de si se opta pola resolución
115 Nº 369