BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
museos e coleccións etnográficas producidas desde os anos setenta ao longo e ancho de Galicia. Porque a súa relación co mundo dos museos non se limita ao do Seminario de Estudos Galegos e ao do Pobo Galego. En 1972 acode, xunto con Xesús Ferro Couselo, a inaugurar o Museo Etnográfico fundado en Oseira por Olimpio Liste. Por estes anos tamén contribuirá cun conxunto de materiais achegados aos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Pero é, loxicamente, no Museo do Pobo Galego que el presidiu onde había de se plasmar en boa medida o seu proxecto de recollida, estudo, exhibición e difusión da cultura tradicional. No artigo citado, X.C. Sierra trata de poñer de manifesto a correlación entre a súa Etnografía. Cultura material e o programa museográfico do centro. Un paralelismo de forte carga simbólica, toda vez que os fundadores facían unha profesión filial verbo do Seminario de Estudos Galegos. Así o declaraba o propio don Xaquín en 1980:
Estamos intentando lo que intentó el Seminario de Estudios Galegos, crear una organización para el estudio de la etnografía gallega, que es el Museo do Pobo Galego. Tengo una gran ilusión porque de ahí saldrá algo definitivo, no un museo estático.8
A súa contribución á formación das coleccións e á concepción museográfica deste centro é, ao tempo, intelectual e material. Ao ano seguinte da inauguración do Museo, levando a termo a súa proposta da asemblea constituínte, institúe e dota persoalmente o Premio de Etnografía ?Vicente Risco?, que só coñecerá tres edicións. En outubro de 1978 reuniuse o xurado da primeira convocatoria, que tiña como tema os hórreos de Galicia; o premio recaeu no traballo presentado por Begoña Bas López. En maio de 1983, o II Premio ?Vicente Risco?, que versou sobre os traballos comunais, foi concedido a PazSofía Moreno Feliú9. A terceira e última convocatoria, en setembro de 1985, quedou deserta. Unha das iniciativas máis afortunados do Museo en relación coa obra do seu presidente foi a recuperación do documental O carro e o home, realizado en 1940 por Antonio Roman, con guión e participación directa de Xaquín Lorenzo, na comarca de Lobeira. Este magnífico e emotivo documento compendia con maxistral riqueza de imaxes e sobriedade de recursos expresivos o completo panorama dun xeito de vida que naquela altura estaba xa en transo de rápida transformación, e que don Xaquín intuía que en moi pouco tempo ía dar paso a outra realidade ben distinta. En 1977 un copión do orixinal localizado no Museo Arqueolóxico de Ourense foi restaurado por Eloy Lozano, por encargo do Museo do Pobo Galego, dando como resultado a curtametraxe titulada O carro e o home, para a que o propio don Xaquín prestou a súa voz. En 1981 alenta a organización dun ciclo de conferencias sobre Vicente Risco, no que participan, entre outros, Ramón Martínez López, Antonio Fraguas, XoséMaría Álvarez Blázquez e Xosé F. Filgueira Valverde; don Xaquín disertará sobre ?Vicente Risco, etnógrafo?.
Nº 365 130