Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Foi a ilusión de toda a miña vida a posibilidade de crear en Galicia algún museo etnográfico. E, cando xa perdía as esperanzas de velo algún día, atopeime con que o Colexio de Arquitectos de Galicia patrocinaba a idea da creación do devandito órgao etnográfico. Orgaizouse un Padroado, chamáronme a min, e fun a il, e ademais por certo, por mandato expreso de Otero Pedrayo, quen convidoume a asistir a aquela xuntanza, e logo elixíronme a min presidente do dito Padroado i eu supoño que foi por levar o nome de Pedrayo conmigo, porque por outra razón non foi.4
E, días despois da xornada inaugural, definía así a misión da nova institución:
Os nosos propósitos comprenden todo o que é Galiza, non só os costumes do pobo senón a xeografía, ciencias naturais, vida material e espiritual... Queremos revitalizar todo, ser unha cousa viva, non ser un museo morto: ir preparando xente e arquivando todo o que se poda. O programa ten un problema gravísimo que é o de sempre: o económico... O Museo hoxe segue adiante gracias ao esforzo e desinterés de certa xente.5
A cuestión financeira foi, efectivamente, unha preocupación para don Xaquín. Preocupación por acadar os medios que a institución necesitaba para o seu desenvolvemento e polo uso que se fixese deles. O diñeiro, dicía, é un bo servidor, pero un mal amo. Un detalle reflicte de forma gráfica o estreito vínculo que desde os comezos se establece entre a nova institución e a traxectoria do seu presidente. O deseño do emblema encárgaselle a XoséManuel Gómez Vilasó, quen con grande acerto sintetiza a mensaxe que o Museo pretende difundir na combinación de dous elementos: a roda e a dorna. Dous elementos que teñen un papel preponderante na obra etnográfica de Lorenzo. Hoxe, con vinteoito anos de historia, este emblema segue mantendo intacto o seu potencial comunicativo. Don Xaquín tiña moi presente que unha das misións fundamentais e perentorias dun museo etnográfico en Galicia achábase na recollida de todo aquelo que fose produción do pobo:
... dende ferramentas de traballo, sistemas de cultivo, vivendas e construccións do campo, aquelas cousas que fan os homes do agro pra labourar a terra, coidar o gando, faguer as obras que precisan... Tamén hai unha producción espiritual que ten que recoller o noso museo. Trátase de cantigas, contos, supersticións, crencias, etc. Con elo van os bailes populares, as festas, os traxes, e tamén costumes dos homes e rapaces, como son os xoguetes, xogos, enredos.
Pero, a máis, a institución debería ter en conta estoutra obriga:
Desexamos crear un museo que reviva aquelo que teña que ser revivido. Somos conscentes cos tempos van transcurrindo e trocando o modus vivendi dos homes e cousas, pro tampouco podemos esquencer o antigo, xa co novo está basado naquelo. Asemade, direi que hoxe hai cousas que aínda ten apricación, nembargantes por moitas circunstancias, económicas ou práiticas, atópanse desbotadas e nós temos que recoller toda ista historia do pobo galego pra revivila diste xeito.6
Como pon de relevo XoséCarlos Sierra7, a obra de Xaquín Lorenzo foi interpretada e traducida museograficamente en moitas das experiencias de creación e montaxe de
129 Nº 365