BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Lorenzo Varela
meiro (pp. 1517), sétimo (pp. 41 e 42) e oitavo (pp. 45 e 46) lugar, respectivamente, seguindo a orde (e a paxinación) en que apareceron, en 1954, na edición de Botella al Mar, a única en vida do autor e, por esta razón, a que se vai seguir. O poema ?Lonxe? está escrito sobre dúas follas de 18,5 x 15 cm, con corte irregular e feito á man na cara inferior. Todo parece indicar que se trata da copia dunha versión anterior menos elaborada. No entanto, en ambas as follas aínda se aprecian algunhas correccións, fundamentalmente ortográficas. En relación co texto de ?Dolmen?, cómpre dicir que tamén aparece escrito sobre dúas follas, posuíndo ambas as mesmas dimensións: 17,5 x 10,5 cm. Hai evidencias de que estas foron recortadas manualmente polos lados dereito e superior. Polo aspecto e cor do papel dá a impresión de ser o autógrafo máis antigo dos tres; polos seus trazos textuais e caligráficos, ademais, parece ser a primeira ou unha das primeiras versións do poema. De feito, é o autógrafo que máis difire do texto publicado. Finalmente, reproducimos o texto manuscrito do poema que leva por título ?Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados?, que aparece nunha única folla de 29 x 15 cm, cortada na parte superior, segundo parece sen medio mecánico ou utensilio. É posible que esteamos diante, tamén, da copia dunha versión que a precedeu, aínda que isto non se pode dar por seguro, como tampouco se pode afirmar que esta fose a versión definitiva. Así e todo, convén reparar en que a caligrafía é máis descoidada ca no caso de ?Lonxe?, aínda que menos ca no de ?Dolmen?. Así mesmo, existen varias correccións e mesmo borranchos. O principal valor destes textos, máis có arqueolóxico ?que tamén o posúen?, é o que resulta da posibilidade que nos ofrecen de coñecermos mellor cal foi o proceso de creación de Lonxe, á parte doutras particularidades ás que aquí non imos prestar atención. Sobre esta cuestión, a do proceso creativo, paga a pena deterse, aínda que sexa minimamente. En primeiro lugar, todo parece apuntar a que Lonxe non foi o froito dun proxecto planificado, senón o resultado da suma de 10 poemas que Lorenzo Varela, seguramente, foi compoñendo un a un, ao longo dun período de tempo indeterminado, sen ter en mente un proxecto poético nin editorial concreto. De aceptarmos, pois, a referida falla dunha nidia estrutura interna en Lonxe, como se suxeriu anteriormente, é seguro que esta se debeu a dita circunstancia. Agora ben, isto non impide que, por unha banda, se observen, entre algúns poemas, certos nexos temáticos ?que os hai? que nos permitan establecer algúns agrupamentos nun pretendido exercicio clasificador, ou que, pola outra, non haxa realmente liñas temáticas interconectadas. É máis, tampouco resultaría esaxerado afirmar que, así e todo, existe no poemario un único tema principal que serve de nexo entre todas as composicións: a derrota; unha derrota que o poeta ?ou o eu lírico que escribe? narra a través de personaxes e xentes cuxa derrota é paradigmática (poemas ?Manuel Ponte? ?Manuela Sánchez?, ?Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados? e ?Emigrante?), ou a través del mesmo ?o derrotado central do libro?, quen
Nº 366 24