BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
Naquel verán de 1933, descubriu un porto cheo de embarcacións que estaba querendo empezar a mudar do mundo tradicional pretecnolóxico ó mundo actual. Pero era aínda un mar paleotécnico, un mar igual ó de sempre, ó de tódolos séculos anteriores, e isto resultou ser, para el, marabilloso, xa que lle encaixaba con tódolos presupostos metodolóxicos que vimos de expor e que falaban dun mundo que avanzaba cara a nós, practicamente sempre igual desde a prehistoria, polo que a esencia do ser galego aínda estaba aí inmutable. Aquel mar estaba cheo de cantábricas traineiras e de lanchas xeiteiras, descendentes das xa desaparecidas volanteiras, aquelas embarcacións emblemáticas da vila, os botes principiaban a desprazar ás dornas e as pequenas gamelas e chalanas acarrexaban tripulantes para os grandes galeóns e pataches, goletas e bergantíns e, como algo aínda novidoso, pero de rápida introdución, os motores e racús, así como as altas chemineas dos vapores. O motor avanzaba con forza, pero aínda predominaba a vela; aínda era, como desde a antigüidade, un mar de velas. E de todos aqueles tipos, os seus ollos de etnógrafo escolleron a dorna (LORENZO, 1934: 109116). O Porto do Son era precisamente o límite de aguión da expansión da dorna e a variedade era a carreirana, como a Josefa, 172 do folio de Riveira, que el vai cousificar de xeito realmente maxistral, considerando o total descoñecemento do que partiu. Podo asegurar que, agás certos pequenos detalles, entendeu perfectamente todo o que era a dorna e o mundo que xiraba ó redor dela. Sen dúbida tivo que facer un grande esforzo, mesmo auditivo, para transcribir a enorme cantidade de nomes que, coa peculiar fonética do Porto do Son, tiñan que lle resultar duros a un oído afeito ó galego de Lobeira. O realmente curioso é que os erros foran escasísimos, reducíndose a ?imornal? por ?imbornal?, ?pao? que preferiu pechar en ?pau? e pouco máis21. Podemos dicir que tódolos traballos posteriores sobre a dorna son, directa ou indirectamente, con ou sen cita, debedores deste e engadimos que aquí aparece recollido case todo o vocabulario das varias ducias de partes que conforman unha dorna, polo que a recolla do obxecto, da embarcación, foi practicamente perfecta. Pero aquí hai moito máis que pura descrición e nomenclatura, xa que D. Xaquín decidiu incardinar a dorna na vida dos usuarios e, neste punto, hai grandes acertos, mais tamén algunhas imprecisións. O aserto inicial de que a dorna ?siñifica o paso da pesca familiar ao cooperativismo? sometémolo a crítica, hai xa trinta anos, na nosa tese de licenciatura22. Corriximos alí tamén a confusión da ghradella cun liñó, cando aquela é unha armazón de madeira na que se enrola este para a súa necesaria aireación e secado. Quixo tamén D. Xaquín explicar as diferentes clases de pesca que se facían desde unha dorna e, necesariamente, pola abundancia de nomes e accións, tivo que confundir algunha das notas que tomara, intercambiando os fondeos da ?poutada? e do ?arpeu?, iscando con sardiña ou chopo ós pintos e maragotas, liando ?nunca mellor aplicado o xeito de traballar do palangre co do liñó da isca e dedicando aquel á pesca de xardas e sardiñas, ou fondeando a dorna para pescar ó polbo. Certamente, non é o mesmo facer uns deseños, e el era un magnífico
Nº 365 44