Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
de licenciatura presentada en Coimbra, onde se estuda a linguaxe (e as cousas) dos pescadores e labradores de Vila do Conde, poboación, hoxe, apegada á Póvoa do Varzim (NETTO, 1949)18. Outros moitos traballos, tanto galegos como portugueses, poderían ser traídos aquí, pero é moi probable que non foran coñecidos polos homes do Seminario de Estudos Galegos. Por esta razón, non ten senso reflectilos neste estudo sobre D. Xaquín e a etnografía mariñeira, independentemente da importancia que, sen dúbida, tería facelo con vistas á elaboración dunha historiografía dos estudos pesqueiros (desde as perspectivas da etnografía, da historia, da xeografía e da economía) que algunha vez haberá que encarar en profundidade.
TRABALLOS DE D. XAQUÍN SOBRE O NOSO MAR No ano 1933, en calidade de colaborador do Servicio de Escavacións do Instituto de Estudios Rexionais da Universidade de Santiago, acompañará a Sebastián González GarcíaPaz, profesor da mesma, ás primeiras escavacións arqueolóxicas oficiais do Castro de Baroña (Porto do Son)19. O mesmo que xa tiña feito, en similar situación e co mesmo director, no Castro de Borneiro (Cabana), abandonou os traballos arqueolóxicos para se dedicar ó que a el máis lle chamaba: a etnografía. E se Borneiro lle inspirou dous traballos sobre o mundo rural (LORENZO, 1932 e 1942), un fermoso e intelixente artigo deberase a esta estadía no Porto do Son; pero, neste caso, estará directamente relacionado co mundo do mar, o que ten unha grande importancia, considerando que, dos máis de 120 traballos da súa autoría, só cinco ou, se forzamos o asunto, seis (un deles trata de pesca, pero de río) están dedicados, en maior ou menor grao, a ese pé que lle faltaba para entender o Volksgeist galego. Realmente, D. Xaquín traballou moi pouco neste eido do mar, para el tan descoñecido. O 18 de xaneiro daquel ano (Cfr. GONZÁLEZ PÉREZ, 2003: 225) presentou unha comunicación no Seminario de Estudos Galegos sobre un cuestionario de embarcacións. Aparecerá publicado en marzo seguinte (LORENZO, 1933: 4952) cunha presentación de Vicente Risco, que o trata como unha parte do cuestionario que a Sección de Etnografía e Folklore do Seminario estaba a redactar. Di Risco que, se se publica esta parte primeiro é por ser ?das menos estudadas, máis virxes pra investigación, da nosa etnografía?. Consta de 115 preguntas sobre o mundo do mar e, máis especificamente, sobre os barcos, a súa feitura, tonelaxe, medidas, pesca, tripulantes, esconxuros, contos, cantares, poboacións, casas, etc. Non é, xa que logo, un estudo propiamente dito, senón unha ferramenta para futuros traballos de campo. Este tipo de cuestionarios eran instrumentos moi empregados na época para elaborar estudos etnográficos e, neste caso, podemos encadralo seguindo a estela dos do Ateneo de Madrid20 ou da sociedade ?El Folklore Gallego?.
43 Nº 365