BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
Para rematar o relatorio de traballos máis importantes que afectan a Galicia, traemos aquí un libro que sen dúbida coñecería, por ser o autor un compañeiro de xeración. Trátase dunha profundización na obra e no arquivo dos mareantes de Casto Sampedro feita por FILGUEIRA (1946)15. Os homes do Seminario de Estudos Galegos tiveron sumo coidado en relacionarse cos investigadores do norte de Portugal, pois entendían este como unha continuación natural de Galicia e eran conscientes de que había que aproveitar tódolos impulsos que incidían no común. Citemos, xa que logo, algúns dos traballos que se estaban a facer no veciño país, considerando que puideran ter sido máis ou menos coñecidos por D. Xaquín. O que si podo dicir é que, malia a súa importancia para as nosas propias investigacións, son aínda, a xulgar polas citas bibliográficas, totalmente descoñecidos polos galegos que se interesan pola etnografía ou a historia. Cómpre principiar polos sucesivos traballos que, a principios do século XIX, irá publicando Constantino Botelho de Lacerda Lobo e que tocarán tódolos temas relacionados coas pesqueiras e a salgadura. De todos eles, citamos xenericamente LOBO (1812a,b)16. Nas fins do mesmo século, aparecen dúas obras monumentais. A primeira é o resultado dunha laboriosa enquisa feita ó longo de toda a costa portuguesa (ALMEIDA e ROQUETE, 1980). A segunda é o compendio de 10 anos de observación directa e participante, ?percorrendo as differentes localidades, acompañando os pescadores nas suas escursões e familiarisandonos com os seus hábitos, dialéctica, segredos e methodos profissionaes?. O autor vai facer amais o mesmo que fixeran Paz Graells e Rodríguez Santamaría en España, como foi a recolla de materiais etnográficos, e deixaranos tamén unhas moi precisas notas históricas para o estudo das pesquerías de bacallao nas costas de Terranova. O aparato gráfico desta súa obra entronca aínda, o mesmo que a de Sáñez Reguart, coa tradición debuxística derivada da Enciclopedia Francesa (SILVA, 1891). Dun grande interese para o estudo histórico das pobras marítimas e que tería que coñecer D. Xaquín, considerando as súas persoais relacións cos investigadores portugueses, temos un estudo de 1923 que citamos pola edición posterior que nós manexamos (SAMPAIO, 1979). En 1932 aparece unha obra que podemos considerar modélica e que constitúe un pequeno tesouro da etnografía marítima, común a Galicia e norte de Portugal. Referímonos á monografía sobre os mariñeiros da Póvoa do Varzim feita por un ?povense? con diñeiro, dono de almacén de salga e que sentía a vida dos seus conveciños pescadores como algo propio. Toda a existencia, desde o nacemento á morte, latexa nesta obra, que supoñemos coñecería D. Xaquín, aínda que só sexa por un amigo común do autor e del, o alemán Fritz Krüger, xefe da Escola de Hamburgo Wörter und Sachen, que aparece fotografado xunto con este (GRAÇA, 1932)17. Non tanto polo tamaño da obra, que lle podería ter pasado desapercibida, canto por ter sido publicada nunha revista que D. Xaquín si coñecía e por ser un expoñente paradigmático do método citado de Palabras e Cousas, que tan boa aceptación tivo en Portugal, traemos aquí unha memoria
Nº 365 42