Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
e ben coñecido, seguido e copiado por Sáñez. Os debuxos que iluminan o cerco real son os que se repiten en tódolos traballos posteriores, sobre todo nos nosos tempos (SÁÑEZ, 17911795)9. Paz Graells, vocal da Comisión Permanente de Pesca, fai unha viaxe, comisionado polo Almirantado, por toda a costa de Galicia e norte da Península para estudar as posibilidades de instalación de ostreiras e recoller materiais para o Museo de Pesca. Pero vai moito máis alá do encargo inicial e remata escribindo unha obra magnífica sobre bioloxía mariña, barcos, artes de pesca, industria transformadora, produtos elaborados e mesmo receitas de escabeches, transcrición de datos históricos sobre a caza da balea e valiosas pinceladas económicas e sociais, como o interese polo cooperativismo mariñeiro (PAZ GRAELLS, 1870). Unha aproximación sociolóxica e económica ó mundo da pesca, chea de descricións etnográficas e antropolóxicas, ofrécenos unha boa visión dos pescadores, xa avanzado o derradeiro cuartel do século XIX (DÍAZ DE RÁBAGO, 1885)10. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ou mellor será dicir, aínda que no orixinal non figura o nome de ninguén, Casto Sampedro, o seu presidente e autor real da obra, empregando toda a documentación do Gremio de Mareantes da Boa Vila, fai un longo, detallado e diacrónico estudo histórico e etnográfico da pesca, centrado sobre todo na Confraría do Corpo Santo. Esta confraría ditaba ordenanzas que deberían de ser atendidas e cumpridas en tres rías, desde os Tranqueiros de Aguiño, pasando polo Mar de Moreira ata as Estelas de Baiona. É esta unha obra fundamental para a historia de Pontevedra e para a evolución da pesca galega desde a Idade Media (SAMPEDRO, 1904)11. Xa meténdonos neste século XX, contamos cunha serie de obras de Benigno Rodríguez, cabo de mar e, posteriormente, conservador de pesca do Museo Naval de Madrid. Citaremos unicamente, pola súa especial importancia para Galicia, tres destes traballos. En 1911, publica un Diccionario sobre artes de pesca de toda a costa norte e noroeste da Península no que se reflicte a súa profesión, en contacto directo cos pescadores, na meticulosidade e exhaustividade de datos e descricións. Continúa o seu percorrido pola costa española e, en 1923, amplía o Diccionario a toda a Península, illas e costa africana, daquela, pertencente a España. Son dúas obras espléndidas que constitúen un fito case illado na produción española e que, sen dúbida, coñeceu e utilizou D. Xaquín (RODRÍGUEZ SANTAMARÍA, 1911 e 1923)12. Interésanos tamén un terceiro libro, que se ocupa da vida social dos pescadores e que constitúe un verdadeiro ensaio antropolóxico, económico e social do mundo do mar na costa norte e noroeste da Península (RODRÍGUEZ SANTAMARÍA, 1916)13. Cómpre tamén ter en consideración un moi interesante libro, non dedicado especificamente á pesca, pero que fai unha serie de incursións nela certamente valiosas, sendo moi atinadas, sobre todo, as que tratan de aspectos económicos e etnográficos (GARCÍA RAMOS, 1912)14.
41 Nº 365