BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
polo que reivindicamos a actualidade metodolóxica dos investigadores do Seminario, tanto no seu proceso de formación como nas etapas de madurez científica. Sen entrar en máis matices e con maior ou menor intensidade, todo o anterior forma a bagaxe teórica metodolóxica coa que conta D. Xaquín para levar adiante os seus traballos. El quere coñecer a esencia, o ser de Galicia e, como xa vimos, ten que procuralo no trespés que conforma a alma do noso pobo, é dicir, nos labradores, nos artesáns e nos mariñeiros, dos que el coñece e sente de xeito natural os dous primeiros, pero, pola contra, ignora todo sobre o mundo do mar, un mundo que lle cae moi lonxe de Facós e que lle fai exclamar, simulando un persoal distanciamento: ?O mar tén un grande atractivo prâs xentes do interior. É pra elas algo lonxano, cheo de poesía, que fala fondamente ó seu sentimento, espertando niles unha saudade estrana de cousa non coñecida? (LORENZO, 1969: 105)6. Aproximarase ó mar de xeito, posiblemente, casual, a non ser que pensemos nunha premeditación da que nunca falou. E, cando o descubre, faino aparentemente desprovisto de coñecementos previos, porque, segundo el mesmo di, non había bibliografía ningunha, algo que, como imos ver, non é absolutamente certo.
TRABALLOS PREVIOS SOBRE O NOSO MAR
Non imos entrar en traballos que, sendo moi interesantes, como é o caso de moitos dos informes da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, por citar uns, non serían de grande axuda para os intereses de D. Xaquín. Imos citar os de maior entidade, certamente escasos, que poderían ter sido, e algún deles foino sen dúbida, por el empregados. Varios son os traballos de Cornide que poderiamos mencionar aquí. Uns estaban éditos e outros en manuscrito, pero o acceso a eles non era difícil. Cómpre salientar o Ensayo de una historia de los peces... sobre todo, pensando na cultura material, polo seu último apartado, no que se tratan os diferentes aparellos e as diversas pescas (CORNIDE, 1788)7, e aquel outro no que se preocupa polas pesqueiras de sardiña, manifestándose totalmente contrario á introdución e ós métodos dos fomentadores cataláns, que, había poucos anos, se introduciran en Galicia (CORNIDE, 1774)8. A monumental obra de Sáñez Reguart ten un enorme interese, non só para Galicia, senón para toda a costa española. Este autor, pescador afeccionado desde cativo, amante do mar e das súas xentes e Inspector Xeral de Matrícula, deixounos un detalladísimo dicionario enciclopédico das artes de pesca. Moitas das entradas completan a descrición con curiosidades etnográficas e con documentación referente á súa utilización. Os debuxos de tódalas artes están feitos por un profesional que o acompañou toda a viaxe pola costa española e que tiña unha depurada técnica, común ós ilustradoresgravadores do século XVIII, herdeiros da ilustración da Enciclopedia Francesa e, para o que agora nos interesa, do clásico da pesca Duhamel du Monceau, tamén colaborador da Enciclopedia
Nº 365 40