BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
26 Na década dos cincuenta, cando como cativos enredabamos pola Comboa do Porto do Son, saltando e pescando entre os barcos, considerabamos xa a dorna como algo exótico. Case non había ningunha e as poucas que quedaban mesmo eran propiedade de veciños da parroquia de Queiruga, a medio camiño entre labregos e mariñeiros. Nos últimos anos, sufriu esta embarcación un notable incremento, non como barco de pesca, senón por razóns lúdicoetnográficas. Son varias as asociacións que teñen como finalidade a revitalización da dorna. 27 O derradeiro desfíxose (foi empregado para pasta de papel) en 1909, anque a súa importancia xa era moi escasa desde había varios séculos (CALO, 1980: 17). 28 Pode semellar raro, pero a práctica de se bañar e nadar no mar é recente; agás excepcións, non vai máis alá da nosa infancia, pola metade de século. Os mariñeiros, sempre no mar, era habitual que non souberan nadar e, aínda hoxe, tivo que se poñer obrigatoria unha demostración de saber, cando menos, dar dúas brazadas para conseguir o elemental título de competencia mariñeira, imprescindible, hoxe, para traballar profesionalmente no mar. Pola contra, para ningún dos títulos de embarcacións de recreo se esixe coñecemento ningún de natación. 29 Para os non familiarizados con esta linguaxe, cómpre clarexar que, na armada, mariñeiro é o que non ten ningunha graduación militar, mentres que mariño resérvase para os que levan galóns na bocamanga. 30 Todo precisa dunha correcta interpretación e o mundo do mar é tan específico que resulta habitual tropezarmos, en bos traballos históricos e artísticos ou etnográficos, con explicacións chocantes por falla de coñecementos vivenciais do medio. Mesmo para ler correctamente un exvoto é isto necesario. No Porto do Son, vila que naceu do mar e que reza en papeis desde o S. XIV, temos un exvoto mariñeiro, onde vemos un bergantín goleta, pola banda de estribor, e os tripulantes encomendándose a Xesús Nazareno. Di o texto que o 12 de decembro de 1827 estaban acostados sobre o porto do Cádiz ?con tiempo borrascoso, fuerte y oscuro?. O autor que o publica extráñase de que digan que estaba ?acostado? no porto de Cádiz e que aparezan no medio do mar, sen trazas de peirao (FUENTES, 1998: 329). El traduciu ?acostado? por ?atracado?, o cal é valido, pero habitualmente, entre os homes de mar, un barco está acostado cando se atopa fronte á costa e, se, como neste caso, o tempo é
31
32
33
34
35
borrascoso, o perigo de ir contra ela é inminente. A meirande parte dos naufraxios nos tempos da navegación a vela, tiñan lugar ó ?acostarse? para se aproximar a un porto. Con mal tempo hai sempre que buscar altura. Nunha ocasión escribimos que ?Para estudar o mundo mariñeiro non é imprescindible saber de mar, pero tampouco estorba? (CALO, 2003: 21, nota 2). O interese que para nós ten a recolla de cantigas foi exposto en CALO (2004a) e CALO (2004e) . Por razóns de fidelidade e porque son sabedor do moito que ofendía a D. Xaquín que lle corrixiran o seu peculiar galego, respéctoo sempre, aínda que a min me produza un especial disgusto ver que, tamén el, lle chamaba ó mar en feminino. Isto é algo que nunca falla: quen lle chama en feminino, anque pense que entende de mar, vai evidenciando a súa aproximación ó mesmo desde fóra e a súa aínda non comuñón co mesmo. Tanto en galego como en portugués temos un mar exclusivamente masculino. Di moi bonito, para un mariño de guerra, presumir nos bailes do casino con frases poéticas do tipo de ?la mar es mi novia?; pero os nosos mariñeiros, obviamente máis prosaicos, cheos de fame e de ?miseria á proa? e todos con parentes afogados, sempre viron o mar como algo hostil; por iso din: ?o mar é un lobo?. Queremos pensar que D. Xaquín lería con gusto e aprobaría un dos nosos últimos traballos, xa citado, onde fixemos unha aproximación á importancia, ou mellor, ó determinismo do medio físico na conformación da Weltanschauung do home de mar (CALO, 2004b). Remitimos ós interesados ós traballos que elaboramos para a serie ?Antropoloxía? de Hércules de Edicións. Por ser doada a localización, sinalamos só un dos cinco títulos que achegamos ó conxunto da obra: CALO (1997b). Non se trata de ceder ó pesimismo, pero dá xenio ler as recentes declaracións da flamante Ministra de Agricultura (tamén de Pesca) nas que di que a solución para que os mozos se interesen novamente pola pesca consiste, en primeiro lugar, en prestixiala (non di como) e sae pola tanxente, cando se lle pregunta se non terá algo que ver a carencia dun salario fixo, de convenios colectivos, etc. na falla de interese da xuventude polo oficio de mariñeiro. Só a ignorancia ou a mala fe poden facer unhas respostas como as que se len nesa entrevista, pero o resultado é obvio: o mar galego ía mal e agora vai ser sentenciado (Cfr. Abuín, 2004).
Nº 365
56