BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
mente, as xeracións) se trataría dun elo, dun anel que traería cara a nós os presupostos e a continuidade da dita xeración. O campo que elixe como prioritario para as súas investigacións será o etnográfico e, máis concretamente, a cultura material, dedicándose Risco de maneira máis intensa á espiritual, como vemos con só ollar os tomos da Historia de Galiza que, moitos anos despois, dirixirá Otero. Nado na ourensá Rúa da Paz, en 1907, transcorrerá nela o máis da súa vida, se ben fará continuos desprazamentos e estadías vacacionais no sur da provincia, nas terras da Baixa Limia, concretamente en Facós de Lobeira, onde conta cunha casa herdada da súa familia paterna. Será aí precisamente onde aquel cativo, que xoga e enreda polas rúas da provinciana Ourense, entre en contacto directo co mundo labrego e aprenda a coñecelo profundamente e a amalo como seu. Alí fará aquel carriño e elaborará as notas que, con toda xustiza, pois daquela en ningures se facían esas cousas e a ninguén se lle ocorría anotar o nome das pezas dun carro, van impresionar a Florentino López Cuevillas. Precisamente, cun traballiño feito sobre esta base espontánea máis as suxestións da lectura dun par de libros ?de Cabré e de Jalhay que lle presta Cuevillas, entrará a formar parte do Seminario de Estudos Galegos. A arqueoloxía, na que traballa en íntima conexión con Cuevillas, chegando a dirixir os traballos que este, polos seus problemas reumáticos, non pode desenvolver, a historia da arte, máis concretamente o prerrománico, así como a lingua, tanto a súa defensa como a recolleita de cantigas ou de léxico para a elaboración dun dicionario, focalizarán a súa atención entre traballo e traballo de cultura material. A fonda relación co seu valedor Cuevillas marcarao toda a vida e levarao a forzar os argumentos para, xa que non pode cualificalo como etnógrafo, tentar xustificalo como ?formador de etnógrafos? e engadir un parágrafo sobre a metodoloxía empregada por aquel: ?...antre a Prehistoria e a Etnografía esisten semellanzas que as convirten en ausiliares unha da outra, de un xeito especial en Galicia, de esprito conservador e arcaizante, que vive hoxe coas raíces afincadas no pasado e que pode aínda acrarar, polo vivir actual, o segredo de moitos achádegos arqueolóxicos?; conclúe que foi Cuevillas quen ?...xunguíu as dúas cencias nunha, e atirou desta mistura intresantes ensinos?1. É ben sabido que D. Xaquín exerceu unha verdadeira ?devotio? polos seus mestres; pero tamén non ignoramos que este xeito de traballar non foi invención do noso gran prehistoriador.
A BAGAXE METODOLÓXICA DE D. XAQUÍN
Independentemente de que neste mesmo volume se estuden de xeito máis específico as metodoloxías empregadas por D. Xaquín2, así como polos seus mestres e amigos ourensáns e polos compañeiros do Seminario, como Filgueira ou Fraguas, resulta imprescindible facer aquí unhas lixeiras referencias, considerando a autonomía desta colaboración específica sobre o mundo mariñeiro.
Nº 365 38