Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
E non esquecer os traballos en prensa, tanto local como foránea na que colaborou adoito, especialmente naquelas publicacións patrióticas de curta vida que saíron á luz nas primeiras décadas do século XX. El Noroeste, da Coruña, Tierra Gallega, Acción Coruñesa, Revista Española, de Madrid, Revista Gallega etc, e a permanente presenza, como xa dixemos anteriormente, n'A Nosa Terra e a breve e escasamente coñecida, aínda que interesante aparición n'O Tío Marcos da Portela pouco antes da súa desaparición así como a súa contribución na revista mensual Mariñana que se publica en Sada, fundada polo seu curmán Manuel Freire Calvelo e froito das inquedanzas dun faladoiro que se reunía na rebotica da farmacia, faladoiro ao que acudía todas as semanas dende A Coruña e no que deixaba constancia do seu profundo amor á terra que o vira nacer e da súa ledicia por verter as ansias poéticas na fermosura daquelas ridentes rías e praias das que gozara na xa afastada nenez. Na súa polifacética obra, ás veces, sorpréndenos con traballos e labores inéditos. Xa dixemos que foi grande afeccionado á fotografía mesmo á de reportaxe, deixándonos unha extensa colección de placas reveladoras de como era a cidade coruñesa naqueles primeiros anos do século XX. Ou como cando en 1924 traduce ao galego os títulos dunha versión cinematográfica, evidente de cinta muda, da zarzuela ?Maruxa? que habería ser visionada no local do Salón París de A Coruña, e acompañada co piano que amenizaba as sesións de cinema silente naquel local. E era un amigo dos seus grandes amigos. Amigo de entrega e solidario en todo o que representaba para el esa amizade na que se osmaba, en xeral, un compendio de amor a Galicia e de síntese reveladora dos máis sinceros sentimentos. Así Curros e Pondal son un referente constante na súa vida. Neles atopa as seivas de toda relación sensorial coa cultura e coa esencia da Patria e da súa mesma andaina polos camiños do galeguismo militante. Xa quedou perfectamente definida a figura de Curros na emigración, pero unha vez retornado, segue presente en moitos dos actos que lle tocan de cerca, como a xa mencionada coroación poética e o acto inaugural do monumento así como a intervención no seu enterro recitando o poema ?Saudo?, que, nun silencio sepulcral, seguen os milleiros de persoas que toman parte no cortexo fúnebre no cemiterio coruñés. Así mesmo é tamén homenaxe semellante a que presta o seu compañeiro de letras, Eduardo Pondal nas exequias deste no mesmo cemiterio de Santo Amaro no ano 1917, onde actúa como improvisado rapsodo coa voz esbrillada pola emoción e as bagoas que a piques están de salferir a súa faciana de vello loitador, que aínda ha ter unha última achega de cariño e lealdade póstuma para o bardo de Ponteceso, presidindo a comisión para erixir o monumento nos Xardíns de Méndez Núñez na Praza de Mina da cidade coruñesa e que se inaugura no ano 1925, acto no que outra volta deixa patente o seu amor de amizade polo poeta nun emotivo discurso que chega ao corazón dos presentes. Pero Lugrís ten un firme e poderoso compoñente político no seu ideario. Máis aínda, diriamos de que toda a súa actividade tanto cultural como social, está mediatizada polo
73 Nº 367