Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
dos máis importantes como arqueólogo. Que se complementaron cun incesante labor de difusión a través da prensa e da comunicación escrita e oral como congresista e conferenciante. A laboriosa esculca do arqueólogo resultou recompensada coa felicidade dalgunhas descubertas fascinantes, entre as que sobrancean o da ara e as 29 estelas funerarias romanas localizadas e escavadas na rúa Hospital de Vigo e instaladas logo no museo de Castrelos, e o do xacemento paleolítico das gándaras de Budiño. O achado romano constituía o limiar histórico máis sólido da futura cidade de Vigo, ao estudo de cuxa biografía dedicou o Cronista Oficial da Cidade milleiros de horas e páxinas. La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo23, reeditado en galego no ano 2008, constitúe unha das mellores mostras da escrita ensaística de Álvarez Blázquez. O amor de reflexión e coñecemento exercido sobre a cidade que acolleu a súa vida desde o regreso do desterro zamorano e até a fin dos seus días, entre 1941 e 1985, manifestouse tamén, entre outras moitas publicacións, no volume titulado Martín Códax, cantor del mar de Vigo24, onde o poeta medieval camiña por riba das pedras que sete séculos despois descubriría o seu biógrafo en funcións de arqueólogo. Eran as estelas funerarias romanas escavadas en 1953, transformadas en lousado de calella. Foi tamén unha magnífica ocasión para o encontro do historiador da literatura medieval galega co arqueólogo, a aperta de dúas entre as diversas facetas do namorado da vida que comeza. Unha das paixóns maiores de quen na entrevista de 1982 declaraba a súa atracción ?polo primitivo, por todo o balbuciente, por todo o que comeza, por todo o que aínda non madurou e fraguou nunha realidade clara e terminante? foi a das pedras do raio, aqueles prodixiosos aparellos que se nos entregaron con deliciosa docilidade nas primeiras prospeccións ?ás que eu asistín de neno? realizadas no xacemento das gándaras de Budiño e que constituíron unha das experiencias máis venturosas do prehistoriador e arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez, cuxa entrega á causa superior do Paleolítico rexistrei así no meu libro Tempo do pai:
Moitos exemplares pétreos da milenaria industria paleolítica, colleitados nas Gándaras de Budiño, na contorna do Castro de Vigo ou en camiños, outeiros e areais próximos á cidade, vivían espallados por andeis e caixóns do piso do barrio das Travesas, onde viviamos, ou da casa alugada para o verán, ergueita sobre as dunas da praia da Calzoa, parroquia de Coruxo. Quen sabe se o 'pico monofacial sobre croio de seixo branco e cortiza avermellada, achado na praia da Calzoa' ou o 'bifaz en punta de fuciño sobre lasca mesta de cuarcita gris, topado en San Amaro, abas do Castro', así descritos nunha publicación do museo Quiñones de León onde colaborara o meu pai, non eran aqueles que viamos a cotío pousados como obxectos decorativos no noso espazo familiar. Eran, sen dúbida, pezas escultóricas de poderoso significado, as pedras do raio que os labregos respectaban como produtos do misterio, instrumentos que agachaban un núcleo aceso de enerxía sacra. Cando o meu pai as brandía para facernos visíbel o sentido da súa utilidade e a precisión ergonómica do seu deseño, as súas mans cativas transformábanse para recobrar o vigor muscular dos devanceiros cazadores nómadas.25
53
Nº 369