BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
Segundo: Nos anos 50, as edicións ordinarias seguían sendo de 300 exemplares, ou de 500, en todas as editoriais, e non podían ser de máis. En realidade, os libros vendíanse bastante mellor ca no tempo de Ánxel Casal; o galeguismo burgués ou pequenoburgués, liquidado como partido organizado e como grupo homoxéneo na resistencia política ?por razóns e con responsabilidades que xa teremos moitas ocasións de tratar o ano que vén?, ese galeguismo en paro forzoso consolábase mercando e lendo e atesourando libros en galego máis do que o fixera en tempos mellores. Ora ben, o sistema de comercialización do libro seguía sendo, principalmente, o das subscricións ?iso si, en xeral máis numerosas e mellor xestionadas ca en Edicións Nós?, e a súa presenza nas librerías era mínima e arrecullada. Neste sentido, quen tiña a mellor rede de subscritores, e desde logo a máis fiel e militante, era sen dúbida Galaxia, que era percibida coma unha especie de sucedáneo do Partido Galeguista ó que había que apoiar por patriotismo. De feito, Galaxia era precisamente iso, e tiña unha clara estrutura de partido ?mesmo territorial2?, grazas á habilidade en tecer redes organizativas do seu secretario xeral, digo director literario Ramón Piñeiro. Mais disto xa falaremos tamén pró ano que vén. Terceiro: O proxecto editorial de Monterrey non era só o dunha editorial pra bibliófilos. Iso érao tamén, porque outro espazo case non había, e outra maneira de disimular tampouco; pero entre os proxectos de Álvarez e Viñas estaba, aínda que despois a súa realización non acabaría de callar, unha colección de vontade declaradamente popular, Flor e Froito, que se iniciou cun libro de contos de BenChoShey titulado Andrómenas. No catálogo de Monterrey de 1954 aparece claramente definida a colección, e o anuncio de tres títulos máis que pensaban dar decontado; dous deles eran Un ollo de vidro de Castelao e Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste; ou sexa, recuperación de dous «clásicos recentes». Mais eses libros non saíron daquela en Monterrey, senón, bastantes anos máis tarde, en Galaxia: o de Dieste en 1962, o de Castelao en 1964. Por que non saíron daquela en Monterrey? Preguntarémosllo o ano que vén ó espírito de Ramón Piñeiro. Cuarto: Talvez un pouco por casualidade, pero probablemente con moita intención, Monterrey apadriñou o nacemento de algo tan importante como a Nova Narrativa Galega, publicando os dous libros fundacionais de Gonzalo Rodríguez Mourullo, Nasce un árbore e Memorias de Tains. O fillo do Vázquez de Calo ?así lle chamaba Piñeiro ó pai de Mourullo nas súas cartas? acabou desaparecendo polo foro, pero antes diso, amparado polo Álvarez e polo Viñas, púxolle un bo cartucho de dinamita á idea, xa circulante e pouco despois formulada polemicamente, e programaticamente, de que a narrativa galega só tiña ou debía ter dous camiños, a saber: a fantasía de Cunqueiro e o realismo de Fole. En resumo de contas: a fins dos corenta e principios dos cincuenta3 prodúcese de pronto unha recuperación do sistema editorial galego que, mutatis mutandis, parece ter unha potencia de fogo similar, ou mesmo superior, ó inmediatamente anterior á Guerra
Nº 369 104