Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
mesmo era bastante galeguista, vivía totalmente de costas á lingua galega escrita; e cando digo pobo galego quero incluír nel non só os obreiros, os labregos e os mariñeiros, senón tamén as xa amplas capas da pequena burguesía máis ou menos ilustrada, que eran mesmo a maioría da base social do galeguismo político, que si sabían ler moi ben e que certamente lían, e non pouco, pero que non lían nunca ou case nunca libros en galego. E mais era unha época, esta de antes do 36, fecunda, prodixiosa. O alzamento militarfascista contra a República veu tronzar, entre outras tantas cousas, un movemento cultural amplo e vigoroso cunhas impresionantes perspectivas de futuro, aseguradas polo triúnfo das esquerdas e a aprobación do Estatuto. Baixo o poder fascista, coa lingua galega estigmatizada de republicana e separatista, con Ánxel Casal e as mellores cabezas da cultura galega asasinadas, exiliadas, perseguidas, aterrorizadas ou forzadas ó ostracismo, ningún libro en galego saíu no interior até 1947, cando se publicou ?publicou é case un dicir? Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño. Que en realidade é unha anécdota, pois o reinicio da edición en lingua galega no interior hai que situalo no ano 1949, con dous nomes de gran importancia: Sabino Torres e Benito Soto; o poeta Sabino Torres (poeta daquela só en castelán) que, solidario coa maior persecución dos poetas en galego pola cuestión da lingua, publicou en pouco máis de dous anos, na colección pirata Benito Soto, nove libros de poesía en lingua galega, o primeiro deles, por certo, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez. Tamén Bibliófilos Gallegos nace naquel mesmo ano 49 coa publicación de Camiños no tempo de Ramón Cabanillas; e decontado, no 1950, entra en combate Edicións Monterrei, que se estrea con outro libro de Xosé María, Roseira do teu mencer. E no ano seguinte inicia o seu labor a Editorial Galaxia, coa Antífona da Cantiga asinada por Cabanillas. É dicir, que en tres anos reconstrúese un sistema editorial galego, que nesa década dos cincuenta tamén contaría coas meritorias actividades da colección Alba de Ramón GonzálezAlegre, da Editorial Celta de Lugo, da primeira colección Xistral, obra se non exclusiva si principalmente debida a outro grande entusiasta, o noso Manuel María; e xa ó final da década, da colección Brais Pinto, promovida polo grupo vangardista do mesmo nome. Non esquezo as revistas de poesía, Alba e outras, tan importantes en tempos tan miserables; é que non temos tempo agora, nin sequera tampouco pra analizar o labor editorial de Álvarez Blázquez e Viñas Cortegoso en Monterrey, do que só apuntarei dous ou tres detalles que me parecen moi importantes. Primeiro: Quen crea, seguindo unha certa historia canónica non expresamente escrita ?sería demasiado atrevemento? senón máis ben implícita en discursos que aparentemente falan doutra cousa; quen crea, digo, que a recuperación cultural galega nos anos cincuenta e sesenta é obra única ou case única dunha editorial, non ten máis ca consultar os datos, as datas e as cifras pra desenganarse. Galaxia foi unha empresa moi importante, a máis importante, nesa recuperación; pero non única, nin moito menos, e no aspecto da creación literaria nin sequera hexemónica.
103 Nº 369