BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
O proxecto é terriblemente medievalista: vinte volumes da Idade Media, un volume prós séculos escuros ou de decadencia ?outra obsesión súa do futuro?, e logo cinco pró século XIX, tres prá literatura popular e un máis reservado pra un índice bibliográfico da literatura galega. Na parte medieval pódense notar algúns erros de apreciación sobre algunhas obras concretas, cousa que non hai que explicar co recurso a dicir que o autor do proxecto era un rapaz de 21 anos, pois probablemente os máis vellos e curtidos eruditos daquel tempo sufrisen tamén error nas mesmas ou noutras cousas... Pero o certo é que aínda hoxe non hai ningunha colección orgánica, ningunha biblioteca clásica galega que se poida comparar con aquel proxecto, pois aínda que moitas das obras relacionadas, daquela rigorosamente inéditas, fosen editadas despois, xamais chegaron a saír dos estritos circuítos da filoloxía pra instaurarse na conciencia colectiva da nación, que era o que Álvarez Blázquez pretendía co seu proxecto. Un proxecto inspirado, con certeza, en realidades alleas tan ilustres coma a Biblioteca de Autores Españoles do gran editor Manuel Rivadeneyra, de quen seguramente posuía algúns volumes, entre eles probablemente o Poema de Alfonso Onceno, cuxo suposto orixinal galego xa empezara a ser unha das grandes obsesións da súa vida. Pra un profesor universitario quizabes pouco máis teña onde estean publicados os Miragres de Santiago, a Historia Troiana, as Crónica Geral ou a Corónica de Santa María de Iria; xa se arranxará pra atopalas cando lle fagan falla. Ora ben, prás persoas normais, pró público culto non profesional, mellor sería que houbese unha colección de referencia como foron no seu tempo a Biblioteca de Autores Españoles, ou logo Clásicos Castellanos, ou Clássicos Sá da Costa. Ben certo é que o enorme aumento da edición nas últimas décadas fixo que, en linguas coma o castelán, o francés e mesmo o portugués ou o catalán, haxa non unha senón varias coleccións referenciais de clásicos; pero no noso desgraciado país aínda nos falta a primeira, global, referencial, dignificante. Moi notable é tamén a atención que neste proxecto recibe a literatura popular, elevada por Xosé María Álvarez Blázquez ó máis alto rango da importancia clásica, e nisto si que me parece orixinal. Reserva un tomo pró refraneiro, outro pró cancioneiro, e un terceiro, que talvez quedaría curto, pra romances, contos, lendas, cantos de nadal e reis, maias, adiviñanzas, etc. O interese do noso amigo pola literatura popular, outro dos grandes amores da súa vida, estaba xa ben afirmado. A quinta folla deste «insomnio esperanzado» está reservada á descrición dunha Biblioteca Nova Galega cara ó porvir, na que se recollería, cito textualmente, «cun amplo sentido crítico de selección o máis interesante da produción literaria galega actual». Esta colección, de formato un pouco menor pero grande ?en cuarto ordinario?, sería segundo Álvarez Blázquez «eminentemente popular», e a súa misión a de «facer chegar a todas as terras de lingua galega este heraldo de resurrección que é a actual literatura galega». O seu ámbito temporal sería o do século; nas súas propias palabras: «alternando coa publicación de obras de autores actuais, iranse reproducindo aquelas outras de autores
Nº 369 98