BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
No me ergo. Derruboume dinde a súa escada ?miña forza, cuio fondo aquil que por min fala, magóame, di e faime. Camiño de sol, hoxe no me quentas, camiño meu! No me mollas cas túas vertentes néboas de augas fartas, no me deixas luz ?faro aquil que fireu o vento. Para que me queres núa? Núa de ti, núa de ti que son. Si algo de ti me levan non o sei, si me traen non teño para que darlle, si algo oio non entendo. Quero falar e non digo. Ouh! Xa no me deixa nada o vento. Xa no me quenta o sol. Xa no me molla a chuvia. Son esquecida. No me atopa a terra ?peladiña en gromo, aquela que pareu o tempo. (María Mariño 2006: 179180)
ABRÍDEME A FIESTRA, QUE O MONTE QUÉREME VER... Mais o camiño de María Mariño é sobre todo un camiño interior, un camiño traído de fóra para dentro, contemplado na súa atemporal verdade, na súa radical sinxeleza autosuficiente como é a da vida imparable. Este entrañamento, esta apropiación e internación da poesía exterior fainas María Mariño, como o fixeron tantas outras mulleres, desde a fiestra do seu privado mundo. Sendo para elas o espazo doméstico, unha negación da esfera pública pero, ó mesmo tempo, un reduto ó abrigo das guerras do mundo. E así, desde o máis íntimo espazo da soidade radical que busca o auténtico, escribiron soas as súas grandes obras invisibles, debruzada a ollada na fiestra. Pois a Poesía é a única fiestra que abre para dentro e para fóra: que trae o universo a nós e nos lanza ó infinito desde o noso dentro máis oculto. María Mariño deixounos unha composición precisamente titulada ?MI VENTANA?, onde desprega a forza simbólica da ventá como o seu ?aposento verdadero?, na cal repousa toda a súa esperanza. Pois a máis pequena das fiestras que a comunica coa beleza natural permítelle respirar: o seu cuarto énchese de osíxeno como o seu peito de inspiración e plenitude. Estamos ante unha respiración vital e poética a un tempo. A fiestra comunica o eu co Todo e traduce o Universo na palabra acendida da poeta. É, pois, a humildísima fiestra o espazo de escritura, o mirador do cosmos, o lugar desde o que se interroga a vida. A carón da fiestra a poeta deixa de ser a muller da domus para ser a visionaria entregada á contemplación e interpretación do nóumeno eterno:
Nº 368 90