BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
dido era unha guía para Meijide, pero unha guía tan corrixida, revisada, ampliada, e cunha miúda corrección de erros, que testemuña o coñecemento persoal que tiña do arquivo. Case todos os arquivos centrais foron visitados reiteradamente por Meijide: o Arquivo Histórico Nacional, o Arquivo de Protocolos de Madrid, o de Facenda, o da Real Academia da Historia, o Xeral da Administración de Alcalá, o das cortes, o do Senado, o Militar de Segovia etc. Estes arquivos que, ás veces, non son máis que grandes almacéns de papel, pesimamente catalogados (na investigación que fixemos no A. M. N. para o estudo dos afrancesados galegos, puidemos comprobar que máis do 70% dos atados rotulados como afrancesados, nada tiñan que ver co tema), a dilixencia de Meijide e a fortuna permitíronlle obter deles pezas de extraordinaria riqueza histórica. Cando a necesidade o requiría, por exemplo para estudar o cerco da Coruña en 1823 ou para perseguir os exiliados galegos, Meijide recorreu aos arquivos estranxeiros, de París e Londres e ás hemerotecas destes países como o testemuñan as citas que prodiga nas súas investigacións. Foi tamén Meijide un cultivador obsesivo da investigación individual e, por iso, sempre refugou participar en traballos colectivos, constituíndo o libro Vigo en la Historia, no que participa, unha das contadísimas excepcións. Consideraba a vida social unha perda de tempo, agás o cine e o fútbol, fuxía da publicidade, non concedía entrevistas, pero estaba atento á evolución da sociedade e do mundo cos que mantiña unha estudada distancia. Galicia recoñeceu e valorou a súa obra histórica; La Voz de Galicia deulle o premio Fernández Latorre, a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla Castelao, máxima condecoración do noso país, o Estado impúxolle a Cruz de Alfonso X el Sabio, Brasil condecorouno coa Orde Nacional do Cruceiro do Sul. Pertenceu a diversas institucións culturais de Galicia: Instituto P. Sarmiento, Instituto Cornide e foi Académico Numerario da Real Academia Galega. Tamén foi correspondente da Real Academia de Historia, membro da Academia Iberoamericana de Historia Postal, da Real Sociedade Económica de Madrid, da Real Sociedade Xeográfica e Madrid, da Sociedade de Xeografía de Lisboa etc. Cando fun elixido Presidente da Real Academia Galega, Meijide Pardo estaba xa moi gastado polos anos, pero nunca me faltou o seu sabio consello cantas veces acudín a el nin o seu apoio institucional. Non esquecerei xamais que foi el, e D. Xosé Filgueira Valverde, quen máis empeño puxeron para que eu formase parte, como académico numerario, da institución que hoxe presido.
Nº 366
420