BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudo
O seu breve texto está escrito en dúas partes ben diferenciadas: a inicial, en castelán e da pluma dun escribán, dá conta dos resultados dunha encarga que lle foi feita por don Diego no ámbito das súas competencias como deán; a segunda, da mesma man cá sinatura de don Rodrigo, é privada e está escrita en galego. O cambio de lingua é tan significativo que suscita ao punto a pregunta sobre a súa motivación, pois ou ben confirma que o galego segue sendo lingua habitual na relación epistolar familiar (como ten afirmado Tobío 1977: 367; 1980: 357), ou ben o deán está impelido pola lingua en que Gondomar se dirixiu a el, ou ben don Rodrigo pertence a un círculo que ofrece algún tipo de resistencia á asimilación lingüística... Por tanto, só metade das cartas que editamos están escritas integramente en galego. O licenciado Pedro Obeso de Oriona (1596), correxedor de Baiona e seu compadre, envía a Gondomar unha nota cortés escrita e asinada da súa man, tramitada por Benito Valverde, que asina unhas liñas remisivas, tamén en galego. O seu parente don Juan de Lanzós e Andrade (Zamora c. 1598), escríbelle en galego para dar conta dun servizo cumprido e pórse á súa disposición para ulteriores encomendas, no mesmo sentido que ten a carta en castelán doutro seu sobriño, frei Francisco de Sotomaior, que a antecede no mesmo prego; o endoso, onde figura como remitente o mesmo don Juan, está en castelán, pero dado que se dirixe á cidade de Toro non informa sobre cal sería a práctica dentro da Galicia da época. Dona Beatriz da Serra (Baiona 1603) envía dúas cartas consecutivas para lle pedir a don Diego que faga valer a súa influencia perante o gobernador do reino de Galicia en favor de seu irmán; as cartas non autógrafas (?por ser ruyn escriban?, e a sinatura mostra de feito moi pouca destreza), escritas ao ditado en galego, amosan algúns elementos en castelán que semellan imputables á práctica lingüística do escribán e non á variedade empregada por dona Beatriz. Deixamos para o remate a primeira das dúas cartas editadas de don Diego Sarmiento de Sotomaior (abril 1605) ?ambas de carácter privado e familiar e ao parecer grafadas da súa man?, escrita ?nesta lingoaje, pois é de vm tan estimada?, unha variedade dialectal galega con forte influencia, cando menos gráfica, do portugués. É significativa a xustificación da opción de lingua para a redacción da carta, con alusións expresas tanto ás afeccións coñecidas de Gondomar coma á conmoción que lle pode producir a escolla feita (?E por ela me troufe aquj, que coela despertaría vosa mercé do sono de correxidor?). As cartas do señor das Achas e Petán reflicten procuradamente unha variedade dialectal fronteiriza, con trazos concomitantes coas variedades portuguesas veciñas, e nese sentido diferente de todas as empregadas nesta monza de textos, que dentro da heteroxeneidade mostran trazos menos localistas. Por iso non é doado sabermos con certeza se con ?nesta lingoaje? o seu curmán se está referindo ao galego no seu conxunto ou á variedade miñota que dalgún xeito comparte o núcleo familiar, e afondando nesta liña se el cre que esa póla pende da árbore galega, da portuguesa ou dun toro común.
Nº 365 260