Traballos de investigación e estudo
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
tais, representa os señores que retoman protagonismo grazas ao papel militar que por esa época lle toca asumir ao Reino de Galicia. Tamén é membro da nobreza e de importante liñaxe, aínda que segundón, don Rodrigo de Moscoso e Sandoval, que destinado á carreira eclesiástica foi deán de Santiago de Compostela e prior de Soriano de Castro, na Igrexa de Córdoba (Crespo Pozo: III 301). É fillo de Lope de Moscoso Osorio e Castro, VI conde de Altamira, e de dona Leonor de Sandoval y Borja, natural de Valladolid. De entre os seus numerosos irmáns ?ademais do primoxénito Gaspar, VII conde de Altamira?, destacaron tamén no ámbito da igrexa Baltasar, que alcanzou a dignidade de cardeal e arcebispo de Toledo, e casou a Felipe IV e Mariana de Austria; Melchor, reitor da Universidad de Salamanca; e Antonio, que «fue primero sacerdote y canónigo de Toledo, y más tarde, por indulto de la Santa Sede, fue marqués de Villanueva del Fresno y caballero de Calatrava» (Crespo Pozo: III 301). Juan de Lanzós e Andrade, asinante dunha carta escrita no mesmo prego e a continuación da que escribe o seu irmán Francisco de Sotomaior, é fillo primoxénito de Fernán Pérez de Lanzós e Andrade e de Ana de Sotomaior e Osorio. Por casamento con «Dª Aldonza, n. y señora de Maceda y vª de Layosa, hija de D. Juan de Novoa y Lemos, señor y natural de la fortaleza solar de Maceda; y de Dª María de Ulloa, n. de la casa solar de Taboada; nieta paterna de D. Alonso López de Lemos, señor de Layosa» (Crespo Pozo: II 479480), pasará a ser señor de Maceda e de Laiosa. Máis difícil é establecer a identidade de María de Moscoso e Sotomaior, se ben o lugar de Laiosa, dende o que asina a carta que editamos e algunhas outras conservadas na correspondencia do conde de Gondomar3, pona en relación co anterior corresponsal, Juan de Lanzós, que, como sinalamos arriba, chegou a ser señor dese lugar. Crespo Pozo (IV 375) menciona unha María de Sotomaior, filla de Pedro IV Álvarez de Sotomaior e de dona Urraca de Moscoso, que casou co seu curmán don alonso Quirós, señor de Mos, e que foi irmá ?sempre segundo Crespo? da mencionada Ana de Sotomaior, nai de don Juan de Lanzós e Andrade; sen embrago, datos procedentes do epistolario do conde de Gondomar e de nobiliaios que tratan da casa de Maceda, que habemos analizar con detalle na segunda entrega deste traballo, contradín esa información e permiten postular entre ambos unha relación de irmandade. Esta rede familiar estenderase ata o propio conde de Gondomar, pois a súa filla dona Juana casará con don Diego de Lemos, conde de Amarante, fillo de dona Jerónima de Nóboa e, xa que logo, sobriño de dona Aldonza de Nóboa e de don Juan de Lanzós e Andrade. Beatriz da Serra comparte coa anterior corresponsal a súa condición de muller. Da súa liñaxe nada sabemos, e a documentación que atopamos limítase, ademais de ás dúas cartas editadas, a outra escrita de súa man, que nos informa sobre dous membros da súa familia. Nesa carta, remitida o 15 de febreiro de 1606, tamén desde Baiona, Beatriz solicita ao conde que interceda en favor do seu cuñado Giuseppe Serolla (RB II/2116, doc. 30). Este personaxe de orixe italiana, a xulgar polo nome, é marido de Violante de Paz, irmá da nosa
257 Nº 365