BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
Pois ben; ao meu ver, son precisamente as páxinas dese volume que lles estaba a comentar, Martín Codax, Cantor del Mar de Vigo, ?Martín Codax, Cantor do Mar de Vigo, xa na noso idioma (1998)? as que configuran unha mostra viva, un exemplo realmente paradigmático para podermos percibir con toda nitidez o esforzo de Xosé María Álvarez Blázquez no traballo da investigación ?histórica, arqueolóxica e, desde logo, literaria? asemade que no desenvolvemento dunha perspectiva canónica para unha etapa esencial das nosas letras como é o Medioevo. Iníciase aquel texto redactado en 1958, e publicado por vez primeira en 1962, cun breve limiar no cal Álvarez Blázquez non deixa de anotar a fortuna que lle cabe á cidade de Vigo ?e que un ten a dúbida, ás veces, de que sexa apreciada como lle cómpre? de contar co privilexio de ser cantada de maneira tan fermosa como o fixera Martín Codax hai setecentos anos. Pois ben; xustamente, unha escintilante viaxe a esa etapa histórica é o que imos atopar decontado de parte de D. Xosé María, quen nos conduce a través da paisaxe da bisbarra viguesa no século XIII: un tempo e un espazo nos que sitúa a infancia e mais a mocidade do trobador:
Vigo naceu nun castro, como tantas vilas galegas, pero aquel destino de orde estática habería de ser éfemero, como truncado por secretas forzas vitais, que tamén os pobos ?como os homes? rexen, con ineludíbel fatalidade (Álvarez Blázquez 1998: 13)
Nas palabras, na análise que leva adiante Álvarez Blázquez ao longo das páxinas dedicadas a presentar diante dos ollos dos lectores do século XX a imaxe do Vigo medieval, vimos considerar algo que non por coñecido ?e, desde logo, subliñado arreo, e con razón, por parte de todos os que estudaron o seu legado? é preciso, non obstante, reiterarmos máis unha vez. Dito coas palabras de Darío Xohán Cabana, procedentes do seu excelente estudo sobre a Vida e Obra de quen estamos a falar:
Xosé María era un erudito, pero era tamén un poeta e un galeguista apaixonado; o que el quería era presentar diante dos ollos abraiados da nación unha poesía vella de sete séculos que conservaba o poder de conmover e de seducir con emocións sentimentais e estéticas (Cabana 2008: 121)
Escribe palabras certas Cabana. Nese capítulo titulado ?Vigo no século XIII? observamos, certamente, os saberes rigorosos do arqueólogo, a escrupulosidade do historiador. Desde as primeiras noticias procedentes da xeira romana, X. M.ª Álvarez Blázquez condúcenos con man mestra e segura até mediados do século XIII, cando a futura cidade non viña ser máis que unha vila semiclausurada a procurar unha sorte de acubillo arredor da igrexa de Santa María. O amplo arco costeiro que vai desde o Berbés deica ao Areal, para dar coa colindante freguesía de Santiago de Vigo, é descrito con puntual precisión nas liñas que seguen así como é descrito tamén con precisión o templo no adro do cal bailaría a súa danza sensual e feliz a amiga das cantigas de Codax.
Nº 369 202