Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
HAI MÁIS MAR QUE O DE D. XAQUÍN Acabamos de ver que os traballos de D. Xaquín sobre o mundo do mar, dun indubidable interese, foron certamente escasos, e moitos dos temas da antropoloxía, como é o relacionado coa familia, non foron nin mencionados. El sempre foi un home do rural campesiño, un ilustrado labrego da Limia Baixa, ó que o mar quedaba moi lonxe tanto xeograficamente como, sobre todo, espiritual e sensiblemente. El mesmo o recoñece, aínda que o diga distanciándose: ?O mar ten un grande atractivo prâs xentes do interior. É pra elas algo lonxano...?. Pero tivo, como bo observador que era, intuicións verdadeiramente xeniais, coma cando viu que o medio físico modelou a forma de ser dos mariñáns, facéndolles perder as arestas ferintes que se conservan nos labregos, cando constatou que a incerteza da súa vida os fixo ser xenerosos ou como cando incidiu na importancia das embarcacións, neste caso as dornas, na forxa da ?alma arriscada e valente dos nosos mariñáns?. Omitimos as referencias por ser frases xa citadas neste artigo, pero non sobra resumilas agora para mostrar un etnógrafo coa mente libre de prexuízos e aberta á valoración das culturas diferentes da súa propia33. Os baleiros que se deixan ver no conxunto da súa obra, no referente á etnografía mariñeira, fóronse, con mellor ou peor fortuna, e algo temos contribuído nisto, reenchendo34. Pero desde os tempos en que D. Xaquín elaborou os seus principais traballos ó día de hoxe mudaron substancialmente os materiais, os medios, as técnicas, as actividades piscatorias e mesmo os protagonistas das mesmas. Realmente habería que incardinar isto nunha mudanza natural e xeneralizada en toda a sociedade galega. Se calquera daqueles homes da xeración Nós, mestres e amigos de D. Xaquín, regresaran e volveran sobre os seus pasos investigadores, non recoñecerían case nada do que eles tan ben traballaron e interpretaron. Nin Otero, que xa daquela se consideraba ?unha pantasma do século XIX?, nin Risco ou Cuevillas, que viviron nunha etapa pretecnolóxica que principiaba a mudar, de aí a présa coa que, por mor da súa metodoloxía (e ideoloxía), se apresuraron na recolleita, entenderían nada da Galicia rural, mariñeira e urbana que, hoxe, se presentaría diante dos seus ollos. Se a terra mudou, podemos dicir que moito máis o fixo o mar. Se hoxe, 71 anos despois daquel 1933, volvera D. Xaquín ó Porto do Son non entendería nada. ¿Onde vai aquel mar de velas que el viviu? Certamente non escollería a dorna como obxecto de estudo cousificable, pois hoxe o noso mar é un mar de grandes barcos, frío, informática, radares, sonares, telefonías, GPS, haladores hidráulicos, piscifactorías. Pero isto non sería aínda o máis estraño para el, pois non podemos esquecer que, repetidamente, ten feito referencia a recoller os datos, pero aceptando o progreso, que xa el vía vir. Non, o que realmente lle esnaquizaría os esquemas sería o elemento humano, as tripulacións que, hoxe, levan os nosos barcos. Por razóns que agora non hai ocasión de desenvolver, o mar galego atópase nunha profunda crise, ten carencia de homes e sospeitamos que, a día de hoxe, xuño de 2004,
51 Nº 365