BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
ción ningunha co mal tempo, senón co feito en si de ter que ir facer o servizo militar na armada, cos perigos que de aí se poidan derivar. D. Xaquín non tiña porqué saber isto, como tampouco o sabía un mariño, almirante el e autor dun bo traballo sobre exvotos mariñeiros, quen non entendía a razón de ver a reprodución dun determinado barco de guerra nunha igrexa de Muros, cando, segundo el, nunca ese barco estivera en perigo (GUILLËN Y TATO, 1934). Certamente, un mariño profesional nunca entendería que un pobre rapazolo de Muros ofrecera un exvoto só polo feito ou a cambio de volver con ben do servizo na armada. Para el, no seu subconsciente, estaba en perigo desde o primeiro día, para o almirante non30. O feito de se atopar, daquela, os dous exvotos de barcos na capela do Santo Cristo de Ourense dálle pé para falar da conexión desta imaxe coa costa e, máis concretamente, con Fisterra, onde contan cunha talla semellante e desde onde se di que vén esta, da man dun bispo da familia dos Mariño. A procesión cos exvotos que imaxina desde a costa non é máis ca un alarde poético. Dedica a última parte do artigo a falar de cantigas do mar recollidas no interior. Dalgunhas delas, podemos dicir que están ben traídas á finalidade pretendida; outras antóllansenos moi forzadas31. Un derradeiro traballo, relacionado co ambiente mariñeiro, é moi probable que lle tivera aflorado, xa cumpridos os 70 anos, coma un durmido recordo das curtas estadías que, sendo neno, botou en Vigo, terra de súa nai, e máis concretamente cando, orfo de pai, trala morte da súa avoa de Facós, se xuntou con seu irmán Xurxo en Vigo, mentres súa nai, Dona Xoaquina, xestionaba a herdanza paterna en Buenos Aires. Describe aquí, con moitos máis datos que os producidos por unha lembranza, unha figura do entroido vigués, chamada escabicheiro, merdeiro ou labrego. Había labregos que acudían ás cidades e vilas, neste caso a Vigo, para limpar os pozos negros e levar o produto para os seus campos. Aproveitaban para levar tamén as magas ou os restos das sardiñas que as mulleres dos pescadores escochaban (ou escabichaban). Quedan así clarexados os tres nomes que se lle dan a un tipo de choqueiro co que os mariñeiros do Berbés ridiculizan ós labregos. O mesmo que nos seus restantes traballos, deixa caer sempre algunha frase interesante que incide na gran diferenza entre os labregos e os mariñeiros e, unha vez máis, procura unha explicación para isto: ?Os pescantíns vigueses, loitadores cotidiáns da mar32, ollan con certo disprecio a aquiles que se adican á vida tranquía do campo. Os seus diferentes espritos, modelados por sensacións opostas ?calma e violencia? son incompatibres e maniféstanse en tódalas ocasións por un mutuo desprecio, máis intenso nos pescantíns, pois o campesiño ten o íntimo convencemento da inferioridade emotiva do seu vivir en contraposición coa loita heroica do mariñán? (LORENZO, 1982: 265). Poderiamos nós opinar sobre o pensamento do mariñeiro, non ousando discutirlle a D. Xaquín a súa apreciación sobre o dos labradores, é dicir, sobre si mesmo.
Nº 365 50