Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O seguinte traballo relacionado coa pesca non se ocupará do mar, senón do río, e máis concretamente do tramo medio do Miño (LORENZO, 1966: 289295). Se no ano 1933 estudou a dorna no Porto do Son, fíxase agora nunha embarcación homónima, pero de moi diferente feitío e utilidade. Descríbea coa sinxeleza e mestría que lle foi dando a práctica etnográfica e explica como son os anzós de madeira de espiño ou escalambrón, que se empregan armados en cordas ou palangres, como lle chamariamos no mar, se ben antigamente tamén aquí se denominaban cordas. Lémbranos as dornas de mar e di que nada teñen en común con estas do Miño, agás o nome, do que dá unha serie de variantes que novamente nos fan pensar no método Wörter und Sachen. Podería dicir que, aínda que sexa accidental, si hai unha cousa en común e é o feito de vogar cos remos cruzados (posiblemente non lembrara isto, pois no traballo do Porto do Son non o menciona). A razón de vogar así vén forzada pola moita manga para un home só, facilitando o efecto panca. Tanto ó falar da feitura da dorna como dos anzós, insiste no arcaísmo, o que novamente nos enlaza coa prehistoria. Tres anos despois, publica un artigo do que xa fixemos algunha mención textual e no que anuncia que non pretende ?eiquí esgotalo tema, mais sí quero dar algunhas mostras de esta presencia do mar na terra adentro? (LORENZO, 1969: 105). Empeza falando dos bañistas da montaña que ían tomar os baños de augas de mar e dinos que lles chamaban poubanos. Cando nós eramos picariños, aínda coñecemos moi ben xente desta que viña ó Porto do Son, así como as casas de baños onde se lles quentaba a auga (non era normal que nin eles nin os naturais se bañaran directamente no mar)28, agora ben, nós falabamos sempre das mulleres e, polo tanto, en feminino. Uns anos antes, tiña publicado Bouza Brey un traballo específico sobre os nomes dos bañistas (el aplícao tamén ás mulleres) e cita os de poubanas, candeleros, mantidas... (BOUZA, 1931: 105), sendo este último o que empregabamos no Porto do Son (CALO, 1978: 114). Deducimos, xa que logo, que os da zona ourensá non frecuentaban a nosa ría. Poderiamos nós contar anécdotas relacionadas coas mantidas, pero o que ignorabamos é o que se nos narra neste traballo: cando volvían ós seus lugares de orixe, continuaban a facer as prácticas curativas prescritas polo médico, escoitaban o mar nos cornos que levaran de recordo e, polas noites, falaban do trasno, das bruxas e do mar, así, todo no mesmo plano, proba evidente de que o mar era para eles un mundo tan estraño e ignoto que figuraba no seu imaxinario ó mesmo nivel que as bruxas e o trasno. A continuación fálanos de exvotos que el considera mariñeiros e que, sen dúbida o son, pero non de pescadores senón de mariñeiros ou mariños da armada29. Trátase de dúas maquetas de senllos barcos de guerra que había na capela do Santo Cristo de Ourense, polo que, en rigor, resulta moi forzado traelos a capítulo nun traballo que realmente pretende falar do mar dos pescadores. Os naufraxios son comúns a todo tipo de barcos e de tripulantes, pero, en ocasións, os exvotos de barcos de guerra nos teñen rela49 Nº 365