Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A reunión ha ter lugar o 24 de xaneiro seguinte, no auditorio do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. A ela asisten, facéndose eco do chamamento, representantes de doce institucións e máis de trinta persoas vinculadas a distintos sectores do espectro cultural. Entre as adhesións cóntase a de don Ramón Otero Pedrayo, que nunha carta do 3 de xaneiro escribía:
Recibín, con intensa lediza, o fermoso documento invitando a creazón do Padroádego do Museo Etnográfico da Nosa Terra. Estou chegando ós 88 anos, non podo apenas maquiar as pernas e meio vivo asulagado en tristura dende o pasamento da miña dona. Pro si algunha enerxía aínda me concede algún día Deus, ela ha ser empregada no servizo da Galiza e dende logo da Institución por Vdes. orgaizada. O vindeiro 24 fica como data senlleira na historia galega. En esprito estou con Vdes.
Xaquín Lorenzo foi, por razóns obvias, un dos primeiros cos que se tiña falado para liderar o proxecto, e participa activamente nesa xuntanza, na que se acorda constituír unha asociación que se denominará Padroado do Museo do Pobo Galego. Don Xaquín foi un dos valedores da denominación que finalmente ía prosperar, fronte á proposta de denominalo Museo Antropolóxico de Galicia. Para poñer a andar a entidade, elíxese unha xunta xestora na que figuran, entre outros, Lorenzo e Fraguas. Nesta mesma sesión, ao tratar o punto no que se habían definir as ?liñas xeraes do museo?, don Xaquín intervén para dar lectura a unha proposta de estruturación do centro. Manifesta que a primeira preocupación ha ser a recollida de obxectos, dando prioridade aos que están en transo de desaparecer, seguindo coa procura dos que aínda se poden atopar en abundancia, a reprodución dos que aínda lembran os artífices ?porque, di, ?non hai que confundir antigüidade con obxecto??, a colección das pezas que aparezan incidentalmente e a confección de maquetas. Complementos de todo isto serán un arquivo musical, unha filmoteca e un fondo fotográfico, un ficheiro de literatura oral e un arquivo de planos de arquitectura popular. Unha biblioteca ?é indispensable?, e débese publicar unha revista. A este deseño incorpórase o plano organizativo que presentan os Sres. González Reboredo, Arias Vilas, Acuña Castroviejo e García Martínez. Don Xaquín subliña que o programa do museo non pode ser ríxido, senón flexible para acoller novas liñas de traballo. A presidencia da nova institución ofréceselle a don Ramón Otero, pero o seu falecemento o 10 de abril impediralle acceder ao cargo. Poucos días máis tarde, o 24 do mesmo mes, celébrase a asemblea na que se aproban os estatutos do Padroado. O 5 de xullo o ministro de Interior, Manuel Fraga Iribarne, dálles a preceptiva aprobación, e o 31 ten lugar a asemblea constituínte. Nesta sesión, como non podía ser doutro xeito, a elección de presidente recae en don Xaquín Lorenzo. Cumpríase así a idea que o patriarca das letras galegas expresara, con fermosas palabras, a comezos do ano anterior, cando saudaba o proxecto de creación do museo:
127 Nº 365