BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
obrigados a trasladaren a matrícula a Zaragoza, onde Xurxo falece en 1934, o mesmo ano en que Xaquín remata a carreira de Filosofía e Letras. A rebelión militar de 1936 impediu continuar a tarefa brillantemente iniciada polo SEG. As novas autoridades de guerra afánanse de contado por eliminar da escena pública todo vestixio de sentimento galeguista, o que ten como consecuencia directa o desmantelamento das institucións máis comprometidas. Logo da devastadora paréntese que representa a contenda, na década dos corenta volven aparecer paseniñamente novos traballos etnográficos que, máis tarde, enlazarán cos estudos antropolóxicosociais encetados por investigadores foráneos. Deste encontro nace unha nova xeración de investigadores que empezan a dar a luz as súas contribucións nos anos sesenta. No entanto, non deixan de sucederse as chamadas de atención sobre a perda da cultura propia e as invitacións a recoller os seus elementos materiais máis significativos: Vicente Risco, Laureano Prieto, Xesús Taboada, Xaquín Lorenzo,... insisten en canto teñen ocasión nesta ameaza real. Manuel Chamoso Lamas, desde a súa posición de comisario de patrimonio artístico nacional, auspicia na década dos sesenta a creación de catro museos monográficos: o das pallozas no Cebreiro, o do viño ou ?Museo del Valle? en Ribadavia, o do mar en Combarro e o do traxe en Betanzos. Agás o terceiro, os demais son hoxe realidade, se ben distante da idea orixinaria. E velaquí que en novembro de 1975 fenece a ditadura. O 19 de decembro, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia difunde unha convocatoria, asinada por Andrés FernándezAlbalat, Decano da corporación profesional, polos colexiados Manuel Gallego e Rafael Baltar e polos membros da Comisión de Cultura Justo Beramendi e Carlos García Martínez, e dirixida a unha ampla nómina de persoas e institucións vinculadas coas ciencias sociais e a cultura de Galicia, invitando a unha xuntanza para constituír o Padroado do Museo do Pobo Galego. A convocatoria sinalaba:
O estudo antropolóxico i etnográfico do pasado e do presente das sociedades humáns adquiríu no século XX unha grande importancia en aqueles países conscentes da sua propia identidade. Froito delo foi o establecemento de museos antropolóxicos como instrumentos axeitados pra a realización desta tarefa. Dende fai tempo bótase en falla a esistencia en Galicia dun museo deste tipo. É innecesario suliñar a riqueza etnográfica do país galego en todos os seus eidos culturaes, eisí como a aceleración crecente do proceso de cambeo económico, social e máis ideolóxico que anda a facerse nos derradeiros anos e que provoca o estrago ou a fonda transformación dos riscos fundamentaes desa cultura que, de non recollerse axiña, perderáse sin remedio. Si ben é certo que en museos provinciaes de Galicia esisten sáas adicadas a algunhas facianas da cultura popular e que a Administración central creóu sobor do papel museos monográficos, nin aquélas nin éstos cubren nin poderán cubrir nunca, tanto polo seu carácter parcial unhas como pola sua deficente financiación e pola sua organización os outros, as funcións dun Museo do Pobo Galego de carácter xeral, funcións entre as que compre salientar de comenzo as seguintes: recadádiva, clasificación e preservación de materiaes e datos; investigación; divulgación.
Nº 365
126