122
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
comentarios de modas entraron inclusive nos diarios. Políticos e plúmbeos estes, fixéronse máis populares e dixestivos, sen renunciar ós fondos editoriais, ideolóxicos e doutrinarios. Buscando a sección de moda, as mamás e as nenas ?minadas polos cregos? volvéronse comprensivas coa doutrina dos liberais domésticos (ganados tamén pola última moda de París ou Londres). Artífices da revolución legal dos liberais españois como Martínez de la Rosa ou o conde de Toreno, banqueiros como Cerriola ou Remisa, o embaixador de Francia, o Porteiro Maior do Ministerio do Interior, e a mesma raíña como se dixo, foron subscritores. E ese mesmo 1853, varios libreiros de Madrid tiñan á venda este título revelador: Cartas entre un ilustrado de modas y un párroco imbuido de doctrinas rancias. Non era fácil entrar ?con versos ou prosas? nesta clase de prensa, nin nas novas seccións de modas e sociedade dos diarios, precisamente porque tiñan éxito, editores, subscritores e subscritoras de moita sona. E un futuro por diante. Ó contar con estabilidade e editores profesionais, os colaboradores foron de pago e de relevo. Antonio Pirala (n. en Madrid, 1824), Julio Nombela (Madrid, 1836), Ventura Ruiz Aguilera (Salamanca, 1820), Campoamor (n. (Navia, 1817), Pío Gullón (Astorga, 1835) ou Núñez de Arce (Valladolid, 1834), escribiron como Murguía no Correo de la Moda. O novo periodismo atraía, sobre todo, a xuventude que acababa de chegar de provincias porque ?como consecuencia do centralismo? daba lustre e sona case instantánea. O caso de Manuel M. Murguía é excepcional porque non se limitou a metela cabeza e o poemiña nesta clase de revistería. Aquel ano do lanzamento os lectores coñeceron tamén as primeiras prosas da súa marca. Os títulos resultan intencionados e coherentes entre si. Debido a elas, a presencia do mozo galego foise convertendo en habitual nos faladoiros e mesas de redacción de distintas publicacións cortesás. E esa vai sela súa verdadeira universidade madrileña desde entón: a que nos dará as claves formativas a partir de 1853. Non a Facultade universitaria de Farmacia. En dous anos a sinatura de Manuel M. Murguía consolidouse na novísima sección de variedades. Non foron anos fáciles. A algúns memorialistas de sona (Ruiz Aguilera, Nombela, Galdós) parecéronlles especialmente duros; case heroicos. El ?moito máis tarde? falaba deles con altiveza valleinclanesca; pero é máis certo que