Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
escrito, pero é xustamente o apartado que remata o tomo, e podemos pensar que, posiblemente, non dispuña de máis espazo. Deixamos dito que a Escola HistóricoCultural foi un dos seus alicerces metodolóxicos. No apartado dedicado ós construtores de barcos, ós carpinteiros de ribeira tenta rastrexar as súas orixes nos poucos datos bibliográficos daquela existentes e, cando nos fala da feitura das barcas de río, dinos que os seus autores, por vivir dun xeito semellante ó dos séculos anteriores, seguen a facer embarcacións ?tan arcaizantes que nos mostran hoxe unha vivinte estampa da nosa prehistoria?. Nesta frase temos condensada a crenza e a procura do Volksgeist galego, que se manifestaría nos traballos destes artesáns. Nesta obra totalizadora da nosa cultura material non podía faltar un apartado dedicado á preparación culinaria de diferentes peixes e, máis concretamente, á caldeirada. A descrición está feita con todo luxo de detalles e só se lle poden poñer un par de chatas menores de comprensión, debidas á súa carencia de vivencias directas no mundo do mar. E así tropezámonos con frases como a seguinte: ?xibias, chocos e calamares, que somentes se diferencian antre si polo tamaño e, por il, na calidade, xa que en xeral o peixe e tanto millor canto máis pequeno é? (páx. 697). É sabido que o que nós aquí temos son luras (Loligo vulgaris, Lamarck) e chopos ou chocos (Sepia officinalis, Linnaeus) que son moluscos moi diferentes. Tampouco lle podemos dar a razón no remate da frase, considerando que se trata dun tópico sen sustentación, pois, se ben e certo que nalgunha especie de peixes son preferibles os pequenos, son moitos os que gañan en sabor co tamaño; por exemplo, onde estea un bo robalo ou unha panzuda nada teñen que facer unha chasca ou un corobelo. Tampouco se podería asegurar o contrario, dependendo do tipo de preparación que se lle queira facer: para fritir, sen máis, a xoubiña; pero, se o que queremos é asala, mellor a sardiña. Unha cousa son as pescadiñas co rabo na boca e outras os toros de pescada en salsa verde ou á romana. E así poderiamos seguir. O apartado dedicado ós aparellos é un dos que ocuparon máis páxinas do tomo, porque non só non se conformou con facer a súa descrición, senón que nos falou da súa feitura e das diferentes partes que os compoñen, con abondosos chamadoiros; pero, a maiores, incardinounos na vida dos mariñeiros, poñéndoos nas súas mans para amosar así as súas peculiares maneiras de traballar e a importancia que teñen na economía das xentes do mar. Aproveita as faenas con eles para describir a roupa de augas que empregaban os pescadores. Bótaos en terra e lévaos a encascar e logo a secar nos tendedeiros; ensínanos as voces de mando dos patróns, coma se el tivera andado a bordo; descríbenos os boureis, fálanos dos xeitos, das traíñas, das xávegas, das parellas, das rapetas, das volantas, dos palangres, dos tramallos, das liñas, das nasas..., é dicir, de case tódalas artes de pesca do seu tempo. E mesmo lle dedicou un certo espazo a falar do cerco real, cando este non é un traballo estrictamente histórico, pero, e aquí temos de novo a influencia da Escola de Viena, non quixo pasar sen falar dun aparello, desaparecido a principios do pasado século27, que significou a prosperidade dos nosos portos, sobre todo no século
47 Nº 365