Traballos de investigación e estudo
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
señor/señora + (pos.) parentesco» ou «art. + señor/señora + cargo + ([don] + antropónimo aposto)»; a escolla entre determinantes parece unha cuestión de xénero, pois os homes usan sempre o posesivo, como para marcar a submisión, respecto das mulleres da casa do (seu) señor, e as remitentes femininas raramente o fan. Nun nivel distinto atopamos «don/dona + antropónimo», que se atribúe a señores, tanto referido a terceiros de confianza coma na sinatura do propio remitente, entre os que chama a atención que Diego Sarmiento de Sotomaior non antepoña don ao seu nome. Séguelle unha fórmula en que se emprega o rango, cargo, título, etc. seguido do nome e, por cabo, o simple nome de persoa con patronímico, ou sen el cando a identificación é segura. Hai con todo matizacións ou trazos particulares que interesa analizar de forma máis concreta, atendendo a cada correspondente. O primeiro deles é frei Lope Gallo de Avellaneda, parente de dona Constanza, que de forma real ou só cortés non se sitúa coma un seu igual, mais pertence a un estamento o bastante elevado como para asinar antepoñendo o don á súa condición monástica, «Don fr. Lope Gallo de Auellaneda». Usa o trato de señor para se referir a todos os membros de idade da familia: no vocativo «meu señor» dirixido a don Diego, marcando a relación de submisión persoal por medio do posesivo; este determinante aparece tamén nos sintagmas referidos, in absentia, ás mulleres, «mi señora doña {Costanza, Ysauel, Juana}», pero non ao irmán de seu señor, «al señor don García». Fóra do vocativo inicial, chama sempre ao seu alocutario epistolar vosa mercé ~ vuestra merced, en singular, e vuestras mercedes, en plural, para o matrimonio; nunha pasaxe refírese a dona Constanza como «nosa dona», deixando nunha interesante ambigüidade se nosa debe ser entendido como 'de min + de vosa mercé' ou 'de todos nosoutros'. Con todo, esta submisión real ou protocolaria non implica unha distancia tal que o obrigue a suspender a familiaridade ao se referir ao primoxénito, noso Lopo Ambrossio, daquela un meniño de cinco anos. Queda fóra da súa esfera de trato cerimonial o León pai do novo mestre de capela, informándonos deste xeito de a que estamentos sociais non pertence. O licenciado Obeso fai explícita a súa relación de compadres tanto no vocativo «señor compadre», coma na frase «a vosa mercé ya miña señora comadre». O termo señor/señora aplícao tamén ao santo patrón («antes da festa de o señor Sant Francisco») e ás outras persoas de dignidade implicadas, como en «o señor don Garçía»; advírtase, con todo, que se non hai un verosímil lapsus sintáctico provocado pola coordinación, deberiamos concluír que a nai de don Diego é tratada como señora dona e a súa esposa só como dona, «A miña señora dona Juana e dona Costança». Fóra do vocativo, o seu alocutario é nomeado como vosa mercé. A carta, con ser breve, dános aínda outros datos sobre o formulario cerimonial: Pedro de Obeso refírese aos seus subordinados como «meu secretayro e meu algaçil», pero o secretario di enviar a carta por mandado de «o señor lecençeado Pedro de Oveso de Oriona corregedor da vila de Vayona por súa
235 Nº 366