BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
De certo, ao igual que na meirande parte dos temas tratados no seu gran libro, eran escasos os estudos precedentes sobre as construcións populares nos que puidera orientarse. Agás algunhas monografías sobre temas moi específicos ou información varia dispersa, en xeral esta disciplina resultaba ser case un campo ermo. O primeiro traballo do que se ten constancia, datado nos anos 1913 e 1914, foi o ralizado sobre o mundo das pallozas no poboado do Cebreiro polo historiador coruñés da arte Ángel del Castillo, cunha primeira parte titulada Por las montañas de Galicia. Las casas de Cebrero, e unha segunda Por las montañas de Galicia. Origen y antigüedad de las ?pallazas? del Cebrero, publicadas nos números 78 e 82, respectivamente, do Boletín da Real Academia Galega. A esta primeira e moi parcial achega hai que engadir a feita polo profesor polaco Euganiusz Frankowski sobre o hórreo (1918) no libro Hórreos y palafitos de la Península Ibérica, e as procedentes das monografías realizadas na décado dos anos 20 polos etnógrafos do Seminario de Estudos Galegos, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas, Antonio Fraguas, Fermín Bouza Brey ou o propio Xaquín Lorenzo, que, co traballo interdisciplinar que os caracterizaba, materializaron as súas pescudas nas publicacións sobre o medio físico e humano, Síntese xeográfica de Galicia (1926) e Probremas de Xeografía Galega. Notas encol das formas de poboazón labrega (1927), e estudos monográficos de pequenos asentamentos humanos como Vila de Calvos de Randín (1930), Terra de Melide (1933), Parroquia de Velle (1936) e Notas etnográficas da parroquia de Borneiro (1936), nas que figura sempre o tratamento xeográfico, de poboamento e de aspectos arquitectónicos, construtivos e etnográficos. Seguramente foi ao quentor desta toma de conciencia do valor do patrimonio popular construído o que levou ás Irmandades da Fala a que, na Asamblea Nazonalista que se celebrou en Lugo no ano 1918 tomara, entre as súas resolucións asemblearias, unha que figura no apartado VII baixo o título ?Aspeitos artísticos?, que demostran a ampla concepción que tiñan do país as xentes máis comprometidas e identificadas con el. Alí dise: ?1º Proclamar a soberanía estética da Nazón Galega que se exercerá: a) Sobor as construccións urbanas e ruraes, ditándose unha ley que obrigue ós propietarios a axeitare o estilo das súas construcciós ó estilo xeneral de cada vila galega. b) Na expropiación e moimentos e paisaxes. c) Na organización do enseño artístico, con creación de unha Escola Musical Galega?. No decorrer do tempo máis próximo á saída no ano 1962 de Etnografía. Cultura material tiveron lugar outras contribucións realizadas por autores foráneos: do alemán Fritz Krüger, sobre as construcións circulares e as pallozas dende o ámbito da etnolingüística, con El léxico rural del Noroeste ibérico (1947) e Las Brañas, contribución a la historia de las construcciones circulares de la zona asturgalaicoportuguesa (1949), e de L. Crespí, sobre as pallozas dos Ancares en Contribuciones al folklore gallego (1929); relacionado coas vivendas, anque con referencias moi xenéricas, están os traballos de García Mercadal (La casa popular de España, 1930), Torres Balbás (La vivienda popular en España, 1930), e W. Giese
Nº 365 16