BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
considerado como o mestre da Etnografía Galega. O decisivo e sobranceiro rol nela, da que nos deixou un amplo legado científico, merece o recoñecemento de caracterizados estudosos da súa obra, aínda hoxe en plena vixencia. Así resume Carlos García Martínez, a persoa que viviu máis preto del continuadamente nos dez últimos anos da súa vida o seu labor investigador: ?Como foi característico dos membros da xeración do Seminario de Estudos Galegos, varios eidos científicos mereceron a atención de Xaquín Lorenzo. Notorias son as súas aportacións á historia, á arte e á arqueoloxía; non obstante, con ser importantes os seus traballos nestes terreos é na etnografía onde o seu nome é sobranceiro. Non hai dúbida de que é o máximo sintetizador do que se veu chamando etnografía material? (GARCÍA MARTÍNEZ, en La Voz de Galicia, 1983). Na súa laboría etnográfica abordou temas moi diversos dos que algúns mereceron unha grande e constante atención, como son o carro, a casa e outras construcións, a dorna, o tecido, o cancioneiro ou o refraneiro. Xa en 1927, cando tiña vinte anos, publica as súas primeiras colaboracións na revista Nós e será, a partir dese momento, cando irá producindo unha serie de traballos ?soamente interrumpidos nos tempos máis duros e perigosos da guerra civil?, que durarán ata pouco antes do seu pasamento. Os traballos etnográficos, ademais do seu tratado maxistral Etnografía. Cultura material, aos que hai que xuntar os de carácter arqueolóxico e outros relacionados coa epigrafía ou coa historia da arte, foron vertidos en publicacións periódicas de Galicia, particularmente en Nós (Ourense), no Arquivo do Seminario de Estudos Galegos (ASEG, Santiago de Compostela), no Boletín da Real Academia Galega (BRAG, A Coruña), no Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense (BCPMHAO, Ourense), Cuadernos de Estudios Gallegos (CEG, Santiago de Compostela) e Boletín Auriense (BA, Ourense). O illamento que as condicións políticas e culturais impuñan no tempo da súa máis prolífica produción ?anos 1940 e 1950?, non lle impediu lograr información das correntes máis novidosas que había polo mundo así como ter unha comunicación permanente con científicos doutras latitudes europeas, como reflicten as súas colaboracións nas publicacións de Madrid do Archivo Español de Arqueología (AEA) e da Revista de Dialectología y Tradiciones Populares (RDTP), na portuguesa Trabalhos da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia (TSPAE, Porto) ou na alemá Volkstum und Kultur der Romanen (VKE, Hamburgo), entre outras. A ampla produción investigadora complementouna con numerosas ilustracións, produto da súa habelencia para o debuxo ?técnica á que lle concedía moita importancia para a mellor transmisión da cultura popular?, e para a fotografía. Os traballos etnográficos, fundamentalmente os que teñen que ver coa arquitectura popular, levan acaídos debuxos saídos da súa man mestra. Mais as súas habelencias non se esgotaban aí, xa que tamén era un bo deseñador, maquetista e guionista de cine. Aos dezaseis anos construiu unha maqueta dun carro ?a súa gran paixón de sempre? da comarca de Lobeira que, posteriormente, sería o motivo que lle serviría para ingresar no SEG; con este mesmo tema
Nº 365 10