Eladio Rodríguez González
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
soños e miras de comer. O que desfai a enerxía da crítica aos amos é a esperanza que o autor ten na outra vida, transmitindo aos labregos a forza suprema da fe que os anima. A terceira parte, titulada ?Proyeutos?, en versos de oito sílabas, rimando os pares, presenta un diálogo entre o tío Antón e a súa muller, introducido pola voz narradora, onde se lamentan polas cargas excesivas ás que os someten os amos e, aínda que a muller lle pide paciencia e sendo Antón coñecedor das desgracias dos emigrantes, decide emigrar; as reflexións da muller están a favor da tranquilidade miserable da terra e do propio fogar antes que partir. Na parte IV, co título de ?A marcha?, aparece a voz narradora e, en versos de oito sílabas nos que riman os pares, contrapón a tranquilidade do lar onde, acabado o duro traballo, se reunen as familias labregas, coa intranquilidade de Antón quen, dirixíndose á cidade da Coruña onde embarcará para as Américas, como no conto da leiteira, imaxina a futura riqueza pero tamén ten agoreiros presaxios que lle provocan a visión da propia morte deixando os seus fillos tristes e sós; faise tamén unha contraposición entre a vida da xente de rango que asiste ás oito da tarde ao teatro na cidade e a vida dos labregos que se recollen nas súas humildes casas. A V parte, ?Sonrisas e Vágoas? consta dun diálogo entre un dos fillos e a nai, en cuadras de versos octosílabos, no que adiantan os dous posibles desenlaces: un futuro con pai ou sen el; seguidamente a intervención da voz narradora, en versos de once e cinco sílabas, avanza xa un futuro triste sen pai, que confronta cun pasado seguro aínda que cheo de miseria con el; avanza no tempo dando conta da decadencia da muller coa perda da saúde, pedindo esmola e, finalmente recibindo a noticia da morte de Antón. ?Resultados? é a parte VI na que, en cuadras de oito sílabas rimando os versos segundo e terceiro, a voz narradora transmite a situación final da muller que, antes de morrer, reflexiona sobre a situación triste que provoca a emigración resaltando sobre todo a situación dos orfos e reafirmándose na idea de aturar a miseria na terra antes que emigrar; tanto a muller como a voz narradora manifestan a confianza no premio que os pobres labregos terán na outra vida e por iso xustifican a resignación e condean a emigración como unha posibilidade que pode servir para escapar da miseria. A parte VII, ?Consecuencias?, en cuadras de versos de 11 sílabas rimando o primeiro co terceiro e o segundo co cuarto, describe a situación do rapaz orfo que, só no mundo por ter morto tamén o irmán, lamenta a súa situación provocada pola emigración e considera a mellor sorte que tería se o pai non emigrase, resignándose finalmente ao pensar no premio que terá na outra vida, coincidindo unha vez máis, coa voz narradora. No final desta parte intervén un ?eu? que se presenta como escritor e que, dirixíndose aos lectores, solicita deles un trato bo para os orfos da emigración e critica o feito de emigrar deixando muller e fillos sós. A composición desde o principio ata o final manifesta unha finalidade didáctica, o autor está en contra da emigración e, para demostrar a súa tese, fai saír a Antón, coñecedor desde o principio das desgracias que causa; está tamén en contra dos abusos e da vida miserable que soportan os labregos pero, aínda que critica aos señores amos das terras, non chama
75
Nº 362