BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
casos aínda non foron superados. Agora ben, se analizamos os seus estudos dende unha óptica máis xeral, tendo en conta a tradición historiográfica arqueolóxica galega, temos que afirmar que as súas investigacións no campo do Paleolítico son moi importantes e novidosas Estas investigacións teñen unha grande importancia, tanto pola orixinalidade no contexto académico galego, como pola aplicación da metodoloxía máis avanzada da época. Nun contexto científico, no que a investigación sobre o Paleolítico espertaba poucas ou ningunhas simpatías, é do máximo interese a iniciativa desenvolta por Álvarez Blázquez. Sobre todo debemos destacar a valentía, á hora de artellar a primeira secuenciazión da ocupación paleolítica galega, baseada nos materias recuperados no Baixo Miño. A maiores do anterior, temos que destacar outra das grandes virtudes de Álvarez Blázquez: o seu afán por divulgar o coñecemento. Nun tempo no que a ciencia arqueolóxica galega se atopa espertando dun longo período de ?burocratización?, temos que recordar e axeonllarnos diante de persoas coma Álvarez Blázquez que cuns recursos moi reducidos, pero con gran convición, construíron e divulgaron a Historia máis antiga do País. Pasados xa algúns anos, podemos afirmar que o volume de información acadado nas últimas décadas, en función da relación entre recursos humanos e técnicos, é sensiblemente inferior á obtida por Álvarez Blázquez e os seus coetáneos. Por iso debemos de botar a vista cara a atrás, preguntarnos que é o que está fallando, e recorrer, na medida do posible, ao espírito dos pioneiros da arqueoloxía galega, que coma Álvarez Blázquez divulgaban incansablemente os seus descubrimentos para que estes reverteran na sociedade, ávida consumidora de todo o que teña que ver co pasado.
Figura 20. Conferencia a mediado dos 50, na que observamos a Álvarez Blázquez sostendo un bifaz e a Eliseo Alonso en segundo plano. Arquivo Álvarez Blázquez.
Nº 369
186