BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
unha importancia práctica considerable, pois daquela a historia era un elemento básico na vida política, relixiosa e intelectual en xeral, porque fornecía de exemplos, de argumentos e de xustificacións ás accións, á ideoloxía e ás institucións do presente. Por exemplo, gracias á súa familiaridade como anticuario cos documentos que se conservaban nos arquivos das casas da orde relixiosa á que pertencía, Sarmiento era quen de presentar argumentos históricos a prol dos bieitos nos debates e preitos contemporáneos que afectaban ás propiedades e aos privilexios dos monxes. Outra utilidade práctica das antigüidades púñase de manifesto cando o coñecemento das técnicas e dos materiais que os romanos utilizaran na construcción das estradas podía permitir ao arquitectoanticuario mellorar o estado dos camiños españois. Por este motivo recomendaba a todos os enxeñeiros actuais que examinasen con detalle a Histoire des grands chemins de l´Empire romain, de Nicolas Bergier (que el citaba repetidas veces nos escritos sobre os camiños). Neste sentido, así como a apertura de novos camiños permitía a descuberta de restos do pasado (inscricións, moedas, tumbas ou treitos de vías romanas); do mesmo xeito, o estudio das antigüidades aseguraba o perfeccionamento das modernas técnicas de enxeñería. Mesmo as observacións etimolóxicas e unha lectura atenta dos textos da Antigüidade clásica se combinaban a miúdo co estudio da Historia Natural, da lingua e da xeografía galegas, coa finalidade confesada de acadar un coñecemento máis acaído e completo das produccións naturais de Galicia que axudase a explotar as riquezas potenciais do país: plantas, animais, terras ou minerais. Mostras disto hainas sobexas nos seus escritos, aínda que non é posible entrar en máis detalles nestas liñas finais. Apuntar soamente que ese obxectivo utilitario tamén era propio de moitos outros anticuarios, os cales eran moi conscientes de estaren a realizar contribucións de valor para os seus contemporáneos nos ámbitos da historia, da política, da relixión ou das ciencias (10). *** Non quero rematar este artigo sen recapitular brevemente as conclusións máis sobranceiras do mesmo. 1º. Frei Martín Sarmiento, entre outras das súas facianas como erudito, pode ser cualificado de anticuario, en razón da atención que demostraba polo coñecemento do pasado e dos métodos que empregaba á hora de se achegar a el. 2º. Con frecuencia conxugaba o labor de anticuario con outros intereses intelectuais, nomeadamente coa Historia Natural e coa lingüística. 3º. As actividades como anticuario alicerzábanse no método empírico inductivoanalítico, que era a cerna de toda a súa vida intelectual. 4º. Sarmiento inseríase na longa tradición das antiquitates (encetada no século XV), en canto aos obxectos de estudio, fontes, métodos de investigación, principios epistemolóxicos e finalidades.
Nº 363
164