Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
no. De aí os encarnizados ataques a toda caste de falsificacións e de fábulas históricas, xa fosen as de Annio de Viterbo, os chumbos do Monte Sacro de Granada ou os ?cronicóns? que infestaban a historiografía hispánica. Por iso insistía en que a historia se debía ler e debía ser feita a partir das fontes orixinais: os autores antigos, os documentos auténticos recollidos nos arquivos, as verbas, os vestixios materiais de tempos pasados... e non baseándose nos escritores modernos, nin moito menos nos ?falsos cronicóns?. Son numerosos os lugares onde expuña esa nidia contraposición entre historia verdadeira (apoiada nas primeiras) e historia falsa (resultado de fiarse dos segundos). Naquelas cuestións históricas para a resolución das cales non existían noticias seguras, a única postura prudente era unha confesión de ignorancia e da incapacidade para resolvelas, agás que aparecesen novas posibilidades de información. Así actuaba el no caso das polémicas verbo dos primeiros poboadores de Galicia. Hai que salientar que non foi Sarmiento o único en xunguir as antigüidades co método empírico analíticoinductivo. De feito foi esta unha relación moi habitual, que se viña establecendo dende que se puxeran as bases da Nova Ciencia experimental a finais do século XVI e comezos do XVII, por homes como Galileo ou Francis Bacon, e que continuou durante a centuria seguinte. Así, o famoso anticuario provenzal NicolasClaude Fabri de Peiresc, na primeira metade do XVII, proclamábase seguidor de Galileo e facía da experiencia e da observación as pezas clave do seu labor de anticuario. Igualmente, décadas máis tarde, anticuarios británicos como John Aubrey, Edward Lhuyd ou William Stukeley, aplicarán aos traballos sobre as antigüidades da illa os principios da metodoloxía científica da Royal Society (análises e descricións detalladas dos obxectos e fenómenos naturais, medicións, comparacións, etc.). Dicir tamén que todos eles, ao igual ca Sarmiento, dentro dos amplos intereses de eruditos combinaron o estudio das antigüidades coa Historia Natural e coa lingüística e as etimoloxías. E que nestes tres eidos de investigación que lles eran comúns aplicaron os principios básicos do método científico baseado na observación e na comparación. Se na Historia Natural se facía necesario ler no ?libro da Natureza? antes ca nos libros de autores antigos ou modernos; do mesmo xeito no ámbito das antigüidades se precisaba centrar a atención nos vestixios auténticos do pasado, evitando as fábulas e os sistemas aceptados con anterioridade. Eses eran tamén os puntos de partida de frei Martín. Finalmente cómpre sinalar que outro dos trazos salientables da ?filosofía ilustrada? de Sarmiento como a definiu Pilar Allege, a saber, a súa condición humanista e utilitaria, estaba presente no seu labor como anticuario. Pois ao igual que a Historia Natural contribuía a mellorar a existencia humana gracias a un crecente control sobre a Natureza, sendo aquela disciplina base de progresos na agricultura, na pesca ou nas explotacións mineiras; tamén as antigüidades debían ter unha finalidade utilitaria. En primeiro lugar, ofrecían unha utilidade obvia: a aplicación dos métodos do anticuario ao estudio do pasado permitiría coñecer a historia verdadeira de España e de Galicia. Isto ademais tiña
163 Nº 363