BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
de estudialo. Énfase que respondía ademais aos métodos que eran propios dos anticuarios. No caso do bieito galego, ao igual que para moitos dos seus contemporáneos, o uso desas fontes textos antigos e fidedignos, manuscritos medievais, etimoloxías, o coñecemento da lingua e da xeografía do país, inscricións e outros restos materiais era unha garantía contra as historias fabulosas e contra as falsificacións introducidas a través dos ?falsos cronicóns?, así como o requisito fundamental para erguer edificios históricos inabalables encol de alicerces sólidos e indisputables: a verdadeira historia da cidade de Pontevedra, de Galicia e de España. 4. Conclusión: os principios do anticuario A metodoloxía propia dos anticuarios que Sarmiento aplicaba ao estudio da antiga historia de Galicia tamén derivaba claramente dos seus principios gnoseolóxicos. En efecto, como xa ten demostrado Pilar Allegue, Sarmiento esteaba as bases do saber no método empírico analíticoinductivo, no cal o coñecemento sensorial da realidade fornecía os datos brutos e orixinais que despois a mente se encargaría de reelaborar e de ordenar en ideas, de combinar esas ideas e finalmente de artellar hipóteses ou teorías que desen conta do por qué das cousas, das causas e das consecuencias que se entretecían para conformar a realidade visible e observable. Xa que logo, a súa era unha concepción do saber que combinaba sentidos e razón, inducción e deducción. Unicamente por medio da acción conxunta de ambos sería posible acadar a certeza en relación aos feitos do presente (e tamén acerca de certos feitos do pasado). Refugaba en troques as teorías a priori e os sistemas que non se apoiaban na experiencia, mais en especulacións vas e en prexuízos. Na súa concepción do saber cumpría ir do concreto cara ás xeneralizacións. Este método empírico, que se debía aplicar aos feitos do presente (por exemplo, no eido da Historia Natural), tamén era susceptible de se axustar ao estudio do pasado, ou sexa, á Historia e á investigación das antigüidades. No caso destas, era igualmente a experiencia sensorial que se obtivera a partir dun exame dos materiais brutos e orixinais do pasado o único método que garantía poder acadar datos históricos fiables e auténticos que axudasen no lento e complexo labor de recuperación dalgúns retallos dos tempos idos: a familiaridade coas escrituras antigas que aseguraba a autenticidade dun documento; a observación atenta dos caracteres dunha inscrición ou dunha moeda; o exame detallado dos monumentos, fosen mámoas, pontes ou vías romanas; a consideración da toponimia e da topografía... En todos estes casos procedíase do concreto e do individual (a inscrición, a moeda, o documento) ao abstracto e á xeneralización. É dicir, a partir de anacos do pasado chegábase a reconstruír acontecementos históricos e a dexergar entre a brétema do tempo diversos aspectos da vida dos humanos en épocas e culturas xa desaparecidas. Polo demais, ao igual que acontecía noutros ámbitos da súa actividade intelectual, no que atinxía ás antigüidades o empiricismo de Sarmiento xunguíase a unha crítica feroz daqueles sistemas, teorías ou fábulas, que empecían e deformaban o coñecemento humaNº 363 162