A GRAMÁTICA DE LUGRÍS NA TRADICIÓN LINGÜÍSTICA GALEGA Ernesto González Seoane
Instituto da Lingua Galega / Departamento de Filoloxía Galega (USC)
A historiografía lingüística galega tense pronunciado cunha extraordinaria severidade á hora de emitir un xuízo crítico acerca da gramática de Lugrís1. En xeral, esta consideración negativa parece fundada, por unha banda, na atribución dunha excesiva dependencia da gramática de Saco e, por outra, no escaso talento demostrado por Lugrís nas achegas máis orixinais da súa obra. Sen entrarmos a discutir propiamente estes argumentos, nun traballo anterior poñiamos de relevo que estas aproximacións ao texto de Lugrís non resultan de todo xustas na medida en que se fundan nunha avaliación descontextualizada da súa contribución, que ignora, ou cando menos non toma debidamente en consideración, ?o contexto histórico en que se insire, o compoñente ideolóxico que a inspira e a función para a que foi concibida?2. En realidade, ao noso xuízo, a gramática de Lugrís presenta, a carón de evidentes elementos de continuidade con respecto á feble tradición gramatical galega, numerosos aspectos certamente innovadores que afectan tanto á concepción e ao discurso gramatical propiamente ditos como ao ideal de lingua que a obra trata de reflectir e promover. Esta combinación de elementos continuistas e innovadores explícase, por unha banda, polas reformulacións e cambios de paradigma que experimenta o discurso político galeguista no primeiro terzo do século XX, de modo particular no tocante ao papel reservado ao idioma, e, por outra, aos avances no cultivo e na elaboración do galego como lingua escrita. A dependencia do discurso gramatical galego con respecto ás distintas formulacións ideolóxicas do galeguismo foi unha constante desde o momento mesmo da fundación da tradición. A este respecto, non convén ignorar que a propia aparición, contra medidados do século XIX, dos primeiros estudos lingüísticos sobre o galego non responde a intereses puramente científicos ou académicos, senón que é unha consecuencia máis do despegue e progresivo avance do proceso de recuperación deste idioma, fundamentalmente como instrumento de expresión literaria. Sen o rexurdimento do cultivo literario e, máis en xeral, sen o espertar no plano social e político dunha 'consciencia galeguista' resultaría imposible explicar este inusitado interese por unha lingua da que, salvo honrosas e contadas excepcións, ninguén se preocupara durante os séculos inmediatamente anteriores. Deste xeito, os primeiros ensaios de descrición gramatical do galego preséntanse como unha faceta máis da realidade poliédrica que coñecemos co nome de Rexur25 Nº 367