BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
dúas publicacións súas na revista do Seminario de Lingüística Románica da Universidade de Hamburgo, que contaba con etnolingüistas coñecidos de don Xaquín, como Schneider ou o propio director, Fritz Krüger. Cando o 18 de xullo de 1989 falece na súa casa de Facós, don Xaquín era un recoñecido investigador da nosa Etnografía e Arqueoloxía, condecorado e homenaxeado reiteradamente. Deixounos como herdanza o seu amor a Galiza e un monllo de escritos nos que dá noticia dos máis variados recunchos da cultura autóctona, unha cultura aberta a influencias e novidades, mais tamén con capacidade creativa propia, feito que converte a celebración das Letras Galegas deste ano tanto nunha homenaxe a un etnógrafo como ás xentes portadoras de formas culturais por el estudadas. En liñas xerais podemos cualificalo como un investigador honrado e coherente que estudou un universo labrego e mariñeiro que estaba a comezar un proceso de transformación, mais que era maioritario no conxunto de Galiza, pois en 1962, ano de publicación da Etnografía. Cultura material, aínda case o 63% da poboación activa galega traballaba na agricultura e a pesca. Non quero rematar a miña intervención sen aludir ao deber cívico e profesional que temos os etnógrafos, co necesario apoio institucional e social, de continuar de forma renovada o seu ronsel, e o dos seus mestres e compañeiros de xeración. De certo que aínda podemos ampliar ou matizar moitos dos temas abordados na súa obra, mais tamén estamos na obriga de orientar unha parte do noso esforzo en novas direccións. Porque nesta alborada do terceiro milenio Galiza é distinta da dos tempos de don Xaquín. O pobo campesiño, artesán e mariñeiro, antes maioritario, está sendo substituído por xente que manexa ordenadores, viaxa en avións, utiliza diversos medios técnicos no campo, o mar ou a cidade, e asume, de xeito ás veces perigoso para a nosa identidade, variadas modas e influencias. O etnógrafo enfróntase, por iso, ao reto de combinar os estudos de romarías como a do Viso cos dedicados a percorridos rituais como as manifestacións, unha nova forma do que algúns investigadores chaman a ?relixión civil?. Se pode seguir sendo de utilidade recoller literatura oral sacada da memoria dos máis vellos, tamén temos que admitir como obxecto de atención o que Dundes e Patger denominaron ?o folklore do papeleo?, un ?neofolklore? transmitido por Internet ou en follas impresas. E o mesmo que don Xaquín documentou a vida na dorna, debemos ser capaces de analizar o traballo dos mariñeiros nun moderno buque, ou as novidades de artificios mecánicos como os tractores no agro, ou a etnicidade simbólica nos grupos emigrantes da Galiza exterior, tema este último sobre o que investigaron diversos antropólogos non galegos pero que aquí mereceu, ata o presente, escasa atención. Isto non quere dicir que abandonemos o vello patrimonio cultural tan ben descrito por el; pola contra, é preciso conseguir unha axeitada patrimonialización activa da herdanza cultural do pasado para reforzar unha identidade referencial que en todos os pobos se constrúe mediante a memoria colectiva. Ademais, o noso mester ha ser exercido con espírito crítico, sendo capaces de recoñecer que certos hábitos herdados polos galegos e galegas, ou algunhas subordinacións
Nº 365 248