Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
mellor debuxante etnográfico da Galiza do seu tempo. En canto á terceira, refírese á divulgación da nosa cultura oral en centos de conferencias, artigos e intervencións radiofónicas e televisivas, ou mediante o interesantísimo documental ?O carro?, filmado co seu asesoramento por Antonio Román. Este afán divulgador e patrimonializador tivo outra faciana na súa contribución á museoloxía etnográfica, primeiro como un dos encargados dun nacente Museo proxectado polo Seminario nos anos trinta e, a partir de 1976, na entusiasta contribución ao nacemento e consolidación do Museo do Pobo Galego, institución da que será primeiro Presidente do Padroado e á que doará, por manda testamentaria, os seus libros, materiais antropolóxicos e dereitos de autor. Non foi don Xaquín un etnógrafo creador de grandes teorías sobre a cultura, senón un investigador orientado a facilitar un retrato das formas culturais do mundo rural e mariñeiro vixente na primeira metade do século XX. O seu campo de observación privilexiado foron as terras da Limia Baixa, aínda que estendeu a súa ollada a moitas outras. Os seus escritos conteñen achegas sobre diversos aspectos da cultura. Un deles é o ámbito crencialsimbólico, presente en contribucións como a que lle dedicou a un ser da nosa mitoloxía popular, o tardo, ou as centradas en festas como a da súa adorada Virxe do Viso e a do tres de maio en Laza, esta última en colaboración con Vicente Risco. No campo da sociedade, deixounos artigos como a descrición dunha voda en Lobeira, traballo de mocidade asinado co seu irmán Xurxo, e outros dedicados a entreaxudas como o carreto. Así mesmo, recolleu textos de literatura oral, con mostras como o seu monumental Cantigueiro popular da Limia Baixa. De todas as maneiras, a maior parte da súa produción estivo centrada na arquitectura e tecnoloxía tradicionais, cubrindo así un ámbito que foi moito menos cultivado polos seus mestres e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos. Son ben coñecidas as súas investigacións sobre o carro, a arquitectura popular, tema ao que dedicou o seu discurso de ingreso nesta Academia, a tecnoloxía do liño e a la, ou a dorna. De maneira moi especial, é preciso salientar a súa Etnografía. Cultura material, na que fai unha completa síntese da tecnoloxía campesiña, artesá e mariñeira da Galiza do seu tempo. Sería, con todo, inxusto pensar que don Xaquín tiña unha visión fragmentaria da cultura. Por moito que razóns de método descritivo o levasen a catalogar obxectos, tamén atopamos nos seus escritos un esforzo por amosar que a cantiga se mestura na práctica co traballo material, que as institucións sociais están en relación intensa coas crenzas e coa arquitectura, ou que a dorna non se entende plenamente se non se alude á organización dos mariñeiros que a utilizan. Esta visión holística reflíctese en monografías fomentadas polo Seminario de Estudos Galegos como Parroquia de Velle. Mais tamén aparece no citado traballo sobre o liño e a la, no cal, cabo dos datos tecnolóxicos, nos fala de xuntanzas da xuventude nos fiadeiros, e das cantigas a eles asociadas. Noutra orde de cousas, el foi moi consciente das relacións entre lingua e cultura, e en función disto ocupouse de recoller o léxico asociado aos obxectos, do que son mostra
247 Nº 365