BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
No ano 1926 don Xaquín ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun traballo dedicado precisamente ao carro, e acabará converténdose nun activo membro desta benemérita institución, na que tivo a oportunidade de relacionarse con figuras como BouzaBrey, Filgueira Valverde, Fraguas, FernándezOxea ou Xesús Carro, todos eles perseverantes amigos e compañeiros de inquedanzas galeguistas e investigadoras, aos que se engadiron co tempo outros, como Taboada Chivite, Ferro Couselo, Laureano Prieto ou García Álvarez. Será no Seminario onde el defina os seus obxectivos de investigación, os que podemos resumir en dous principios: 1º) A necesidade de recoller trazos do pasado arqueolóxico e do presente etnográfico para deixar constancia das súas características antes da súa destrución ou perda, fornecendo así materiais para a análise comparativa dentro da propia Galiza ou con terras veciñas e culturalmente afíns. 2º) No que se refire á interpretación dos materiais descritos, don Xaquín, como os demais estudosos da época, acudirá ao paradigma historicista baseado na aludida relación entre culturas orais presentes e pasado remoto. A interpretación das formas como produto dun proceso no que o pobo conservou, malia influencias sucesivas, certos compoñentes, ou actitudes, ao longo dos séculos, conduce ao etnógrafo a se dar a man co arqueólogo e o historiador, detectando, con máis ou menos precisión, survivals de vellos trebellos ou de antigas crenzas. Como arqueólogo, don Xaquín pode ser cualificado de arqueólogo artesanal, sempre fiel seguidor das directrices marcadas por Cuevillas, con quen libra as súas primeiras lides nestes eidos en traballos como o feito en Calvos de Randín e publicado en 1930. Tamén axudou a Cuevillas e ao seu amado e malogrado irmán Xurxo a catalogar os castros da terra de Lobeira e, xa estudante en Santiago, participará nas escavacións de Borneiro, Baroña e Troña. Pasada a treboada da guerra civil, volve colaborar con Cuevillas en Cameixa, con Taboada Chivite en Cabancas, con García Álvarez en Ribadavia e con Ferro Couselo no Castromao. Ademais, publicou numerosos achados soltos, como a arracada do Irixo, analizou o monumento de Augas Santas, contribuíu á actualización do corpus de inscricións latinas de Ourense coa axuda de Álvaro d´Ors e Fermín BouzaBrey, fixo demorados estudos de arquitectura prerrománica en Amiadoso, Francelos, Pazó e Mixós, e estableceu constantes contactos con Portugal, onde foi membro correspondente da Associação dos Arqueólogos Portugueses e da Sociedade Portuguesa de Antropología e Etnología do Porto, da cal era figura destacada o seu bo amigo J. R. dos Santos Júnior. Todo isto sen esquecer que en Ourense colaborará intensamente co grupo ?Marcelo Macías? do Museo Arqueolóxico, e coa Comisión Provincial de Monumentos. Mais foi a súa condición de etnógrafo a que lle deu xustificada sona por tres razóns diversas, aínda que complementarias. Unha delas é que, no conxunto da súa obra, as publicacións dedicadas a Etnografía ou Folklore son as máis numerosas e voluminosas. A segunda está relacionada coa súa habilidade para o debuxo, o que o converteu no
Nº 365 246