BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
ros poboadores e o dos reis míticos el rexeitou a herdanza dos seus predecesores, noutras ocasións contribuíu a consolidala e a ampliala (caso da presencia en Galicia de gregos, celtas e fenicios). 3. ¿Como traballa o anticuario? Máis interesante cás súas opinións acerca da antiga historia de Galicia eran os métodos de traballo do Sarmiento anticuario, porque neles se manifestan de xeito nidio as diferencias que verbo do estudio das antigüidades galegas existían entre frei Martín e aqueles que o precederan. No caso do bieito, tanto os amplísimos coñecementos, como o seu agudo enxeño e capacidade crítica, e sobre todo, a vontade de esculcar no pasado galego a partir das fontes orixinais e máis seguras, tivo como resultado que foi el o primeiro en artellar e en aplicar verdadeiramente un proxecto de investigación da historia antiga de Galicia, de enorme valor cando se considera dende a perspectiva actual. Sen embargo, tamén cómpre recoñecer que por razóns diversas en especial porque outros eran os seus intereses principais (a Historia Natural e a lingüística) non foi quen de levar adiante ese proxecto, do que só realizou unha pequena (pero importante) parte. ¿Cales eran as fontes de información e os métodos nos que se apoiaba Sarmiento á hora de estudiar as antigüidades galegas e para acadar as opinións que vimos no apartado anterior? En primeiro lugar peza clave no labor de todo anticuario, precisábase un coñecemento polo miúdo dos textos da Antigüidade clásica. Á parte da Biblia, os autores gregos e latinos eran as fontes escritas máis antigas ás que podían acudir os eruditos do Renacemento e da Ilustración, e xa que logo convertíanse en fornecedores de informacións fundamentais para coñecer a historia antiga, non só de Grecia e de Roma, senón tamén das outras terras europeas: os pobos e as tribos que as habitaran noutrora, e os seus xeitos de vida; as colonizacións gregas e fenicias; as loitas contra Roma e a paseniña incorporación ao Imperio de boa parte da Europa occidental e central. Para Sarmiento, a Biblia, Homero e Heródoto eran as fontes históricas máis antigas; logo estaban o resto dos escritores grecoromanos. Gracias a todas esas fontes era posible ter noticias dos tempos máis recuados da humanidade (ata tres mil ou catro mil anos antes do presente). Sarmiento amosaba posuír unha ampla familiaridade cos textos clásicos, tanto con aqueles que facían referencia a Galicia e ao resto da península, como con todo o relativo aos diversos aspectos da historia e da civilización de Grecia e de Roma. El dispuña das diversas edicións modernas de Plinio, Estrabón, Ptolomeo, César, Mela, Tito Livio ou o ?Itinerario de Antonino?, todos eles esenciais para saber da historia e da xeografía antigas. A eles engadíanse as lecturas dunha boa parte da literatura erudita sobre as antigüidades gregas e romanas: os traballos de Gruterius, Graevius, Spanheim, Gronovius, Bergier, Spon, Montfaucon, Caylus, e un longo ronsel de nomes hoxe esquecidos e que Sarmiento recollía no Catálogo de obras que posuía.
Nº 363 156