BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
3.2. TIPO B Na Coruña atopámolo exclusivamente en tres puntos extremos do suroeste da provincia: Aguiño (Ribeira), Cabo de Cruz (Boiro) e Rianxo. En Lugo úsase, ao lado dun dos outros dous, pola parte centrosur da provincia, nunha área comprendida aproximadamente entre: Santa Comba de Lugo, O Cádavo, Becerreá, Triacastela, Pobra de Brollón, Sober, A Barrela e Taboada12. En Ourense coñécese no noroeste da provincia, e introdúcese polo val do Miño, onde se emprega nas súas marxes: Crespos (Padrenda), Vilavidal (Ramirás), San Cristovo (Ribadavia), Santo Amaro, San Cristovo de Cea, Brués (Boborás), Avión. Nalgún destes puntos está en contacto co A, son os casos de Brués, San Cristovo de Cea, Santo Amaro e San Cristovo (Ribadavia). En Pontevedra é onde está o núcleo máis compacto. Úsase dunha maneira xeral en toda a parte da provincia que queda ao sur da liña formada por Cambados, Moraña e Forcarei, e mantén nos arredores desta liña unha forte competencia co tipo A. 3.3. TIPO C Na provincia da Coruña achámolo soamente no extremo nordoriental, nas localidades do Barqueiro e San Claudio de Ortigueira, e aquí ao lado do tipo A. Aínda se coñece un pouco máis ao sur, en San Ramón de Moeche, onde xa non se usa. En Lugo emprégase nunha estreita franxa que vai ao longo da súa costa desde a provincia da Coruña, e segue polo leste da provincia, en dirección nortesur, ata chegar á altura da capital, Lugo, pasando polos puntos seguintes: Vieiro (Viveiro), Orol, Cervo, Ferreira do Valadouro, San Cosme de Barreiros, Rinlo (Ribadeo), Lindín (Mondoñedo), Vilarmide (A Pontenova), O Trobo (A Fonsagrada), Negueira de Muñiz e Rao. Na parte da provincia que queda ao sur da capital utilízase este tipo de xeito xeral. En Ourense a área xeográfica en que se utiliza ocupa toda a provincia, agás a zona noroccidental; a liña divisoria13 pasa aproximadamente ao leste de Crespos (Padrenda), Vilavidal (Ramirás), Ribadavia, Cenlle, Santo Amaro e San Cristovo de Cea; e é nesta zona onde o xugo cornal conflúe cos dous tipos de modalidade xugular. En Pontevedra encontrámolo unicamente en Rodeiro, poboación limítrofe coa provincia de Ourense, e na que aparecen as tres variedades de xugo. No territorio do galego exterior (franxa occidental de Asturias, León e Zamora) é este o único tipo coñecido. Resumindo, podemos dicir que o xugo A ocupa toda a provincia da Coruña, menos a zona de Santa Uxía de Ribeira; esténdese cara ao sur pola metade norte de Pontevedra chegando deica o noroeste de Ourense, e, cara ao leste, penetra na provincia de Lugo enchendo a súa metade norte. O xugo B atópase na franxa máis meridional da costa coruñesa (Aguiño, Ribeira, Cabo de Cruz e Rianxo) e en todo o centro e sur de Pontevedra; desde Pontevedra esténdese polo oeste e norte de Ourense, introducíndose nunha
Nº 365 140