Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Distribución dos tipos de xugo en Galicia, segundo Xoaquín Lorenzo Utilízase practicamente en toda a provincia da Coruña, agás en Santa Uxía de Ribeira, onde se usa soamente o xugo tipo B. En dous concellos próximos ao de Santa Uxía de Ribeira, seguindo a liña da costa, o de Boiro e o de Rianxo, este tipo A coexiste co B. No extremo nordoriental da provincia encontramos o xugo A en competencia co C: no Barqueiro, e en San Claudio de Ortigueira empréganse ambos os dous tipos; un pouco máis cara ao sur, en San Ramón de Moeche, coñécese aínda o xugo cornal, pero é practicamente inusitado, e está en manifesto retroceso con respecto ao tipo A. Na provincia de Lugo a distribución é máis complexa. En liñas xerais podemos dicir que o tipo A está difundido por toda a provincia, agás unha zona situada ao Sueste, dunha amplitude aproximada a unha cuarta parte de toda a provincia, e delimitada pola liña que pasa pola Barrela, Taboada, sur de Guntín, Pobra de San Xiao, Baralla, O Cádavo e A Fonsagrada, seguindo cara ao norte pola fronteira de Galicia con Asturias. No norte da provincia aparece en todos os puntos en competencia xeneralizada co tipo C. Viven xuntos o tipo A e mailo C en: Vieiro (Viveiro), Cervo, Orol, Ferreira do Valadouro, San Cosme de Barreiros, Rinlo (Ribadeo) e, baixando cara ao sur pola zona leste da provincia, en Lindín (Mondoñedo), Vilarmide (A Pontenova) e O Trobo (A Fonsagrada). Descendendo polo centro da provincia atopamos estes dous tipos en Cospeito, e un pouco máis ao sur desembocamos na zona de confluencia dos tres tipos, que Xoaquín Lorenzo Fernández circunscribe a Meira e arredores da cidade de Ourense:
Ben se comprende que os lindeiros entre as tres rexións non son liñas, senón zonas nas que se misturan os tipos colindantes. Iste fenómeno é especialmente intresante nos arredores da cidade de Ourense e na zona de Meira, onde, por se xuntaren moito as zonas dos tipos pirmeiro e terceiro, atopamos empregados os tres tipos indistintamente11.
Aprecio que a zona de confluencia dos tres tipos de xugo non se sitúa en Meira, senón un pouco máis ao sur, nunha área que se estende desde Santa Comba de Lugo, Baralla e Pobra de San Xiao cara ao Suroeste por Taboada e A Barrela, penetrando polo leste de Pontevedra deica Rodeiro. En Ourense só encontramos o tipo A no noroeste da provincia, nos concellos de Boborás, Santo Amaro e Ribadavia; pero, mesmo nestes puntos, sofre a competencia do tipo B. Con todo, o xugo A é coñecido, mais non usado habitualmente, noutros puntos illados da provincia, como: Allariz, Bande, Córgomo de Valdeorras, A Gudiña e A Mezquita. En Pontevedra úsase na metade setentrional da provincia, aproximadamente ao norte da liña formada, de oeste a leste, polos concellos de Sanxenxo, Pontevedra e Cotobade. Ao noroeste da provincia e mais na área limítrofe con esta liña fronteiriza que separa o uso do xugo A do B, viven xuntos estes dous tipos, como se pode ver en Cambados, Moraña, Forcarei, Sanxenxo, Pontevedra e Cotobade. No extremo leste da provincia hai unha zona, Rodeiro, onde rivalizan os tres tipos de xugo.
139 Nº 365