BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
1. PROCEDENCIA DOS DATOS O corpus léxico que constitúe a base deste estudo está tirado de: a) 167 cuestionarios correspondentes a outros tantos puntos do Atlas Lingüístico Galego ?en diante ALGa? (véx. mapa 1). O material destes cuestionarios recolleuse, como é lóxico, in situ, a falantes do lugar durante os anos 1974, 1975 e 1976. Sempre que foi posible, as preguntas fixéronse cun xugo diante, para que o informador puidese identificar mellor as pezas e evitar confusións. Isto permitíanos, amais, observar o tipo de xugo de que se trataba. Cando isto non era posible, as preguntas facíanse por medio de debuxos preparados previamente. b) Outras enquisas específicas levadas a cabo sobre todo para completar o material anterior. Os datos destas enquisas só se reflicten cando achegan algo novo con relación aos puntos próximos, ou cando amplían unha área léxica respecto aos datos anteriores. c) Teses de doutoramento e memorias de licenciatura realizadas sobre falas de distintos puntos do territorio de fala galega. d) Diversos estudos de lexicografía e etnografía galega nos que aparece algunha información sobre o xugo. e) Todos os dicionarios galegos, nos que aparece algunha das voces obxecto de estudo. f) Tamén se revisou un número considerable de estudos lexicográficos nos que aparecen datos sobre o xugo do territorio portugués (sobre todo o do norte) e do español (sobre todo os que corresponden a falas leonesas). Estes datos aparecen neste traballo como material auxiliar que só é tido en conta cando bota luz sobre algún problema suscitado polo propiamente galego.
2. TIPOS DE XUGO En Galicia encontramos tres tipos básicos de xugo, perfectamente definidos, dous deles xugulares e o outro cornal. Chamarémoslles convencionalmente: tipo A, tipo B, e tipo C. Tipo A: Xugular. Consiste nun madeiro atravesado por catro paus diverxentes que van unidos entre si, dous a dous, en cada un dos extremos, por dúas correas que pasan por debaixo do pescozo do animal. Nalgunhas zonas os dous paus interiores van enlazados no seu extremo superior por unha corda, unha correa ou unha cadea de ferro.
C1
Nº 365 136
C23